A Deputación da Coruña pon en valor o papel da educación pública

ACoruñaXa
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou na inauguración das XXXII Xornadas de Equipos Directivos de Educación Infantil e Primaria que se celebran en Bergondo
xornadas-equipos-educacion-infantil-coruña
XXXII Xornadas de Equipos Directivos de Educación Infantil e Primaria
15 May 2025

O Pazo de Mariñán acolleu esta mañá a inauguración das XXXII Xornadas de Equipos Directivos de Educación Infantil e Primaria, un encontro consolidado como espazo de reflexión e intercambio entre profesionais do ensino galego. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou no acto de apertura, no que destacou que “a educación pública é unha prioridade para a Deputación da Coruña”, e afirmou que “sen unha educación equitativa e de calidade, non pode haber progreso real, nin social nin económico”. No acto participaron tamén o concelleiro de Educación da Coruña, Juan Ignacio Borrego,a directora xeral e Ordenación Educativa, Judith Fernández, e o presidente da asociación de directores de colexios públicos, Antonio Leonardo Pastor.

Durante a súa intervención, Formoso puxo en valor o papel dos equipos directivos na construción do sistema educativo, lembrando que “levar adiante un centro educativo esixe visión, compromiso e unha capacidade constante de adaptación aos cambios”. Sinalou tamén que encontros como estas xornadas “permiten parar, pensar e dialogar. Permiten compartir preocupacións e tamén ilusións. Permiten aprender do que funciona e repensar o que non”.

As xornadas, que se celebran un ano máis no Pazo de Mariñán, contan coa participación de directores e directoras de colexios, expertos en pedagoxía, neurociencia e lexislación educativa. Abordarán temas como a equidade na educación, as comunidades profesionais docentes, o abandono escolar ou a protección de datos dos menores. Formoso destacou que “a mellora educativa non é froito dun esforzo individual, senón dunha construción colectiva” e que “a colaboración entre docentes, a formación continua e o traballo en rede son estratexias fundamentais para avanzar cara a un sistema educativo máis eficaz, máis xusto e máis comprometido coa realidade social”.

Para rematar, Formoso agradeceu o compromiso dos equipos docentes: “Sen o voso traballo, sen a vosa entrega diaria, sen a vosa capacidade para afrontar retos, nada do que soñamos para o futuro sería posible”, afirmou.

⚙ Configurar cookies
0.10473203659058