A Deputación da Coruña pide luz verde de Patrimonio para actuar de urxencia no punto negro da DP-0810 en Bergondo

ACoruñaXa
O informe da Xunta é imprescindible para iniciar a redacción do proxecto, as expropiacións e as obras nun tramo con alta sinistralidade entre San Paio e Villa Julia
bergondo-estrada
29 Sep 2025

A Deputación da Coruña mantén en espera o inicio das actuacións de ampliación e mellora da seguridade na DP-0810, no treito comprendido entre os PQ 4+250 e 4+440 (San Paio – Villa Julia, Bergondo), á falta do informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta. O goberno provincial lembra que se trata dun punto negro con múltiples accidentes, un deles mortal, e que o sinistro rexistrado nas últimas horas volve evidenciar a urxencia de intervir. O plan presentado procura compatibilizar a seguridade viaria coa protección dos bens patrimoniais existentes na parcela afectada.

O tramo presenta calzada moi estreita —entre 5,5 e 3,6 metros—, sen delimitación de carrís, curvas de radio reducido, escasa visibilidade e sen beirarrúa, malia o número de vivendas lindantes. A tramitación arrincou en xuño de 2024, cando se requiriu acceso á finca Vila Julia (BOE 11/06/2024) para o levantamento topográfico; a documentación achegada polo propietario resultou incompleta e foi remitida igualmente a Patrimonio, que en abril de 2025 pediu información complementaria (fotografías de detalle e do conxunto). Ese material entregouse o 23 de xuño. Dende entón, a Deputación agarda o informe definitivo que permita avanzar na redacción do proxecto, nas expropiacións e na execución das obras. 'Esta actuación non pode esperar máis; precisamos a autorización canto antes para evitar novos riscos', subliñan fontes provinciais.

⚙ Configurar cookies
0.091991901397705