A Deputación da Coruña pide á Xunta 'implicación inmediata' para desbloquear o conflito do transporte por estrada

O pleno da Deputación da Coruña aprobou unha moción para instar á Xunta de Galicia a implicarse de forma inmediata na resolución do conflito do transporte de viaxeiros por estrada na provincia, tanto como autoridade laboral como como administración responsable do correcto funcionamento dun servizo público esencial. A iniciativa saíu adiante cos votos de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños, mentres que o PP votou en contra. A sesión estivo presidida polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira, ante a ausencia de Valentín González Formoso.
A proposta, defendida polo portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, puxo o foco nunha situación que, segundo se expuxo, afecta a milleiros de persoas usuarias cada día e a arredor de 3.000 traballadores e traballadoras do sector, cun convenio colectivo caducado desde hai catro anos. No debate, PSOE e BNG alertaron das carencias do modelo vixente, con problemas como falta de prazas, persoas que quedan nas paradas, frecuencias insuficientes e unha planificación deficiente, especialmente acusada no rural.
A moción recolle tamén as consecuencias sociais destas deficiencias, que dificultan o acceso ao traballo, á educación ou á sanidade, afectando con máis intensidade ás persoas maiores, ao alumnado e ás familias. Nesa liña, criticouse a combinación do transporte escolar co ordinario ao entender que está a xerar máis incidencias ca solucións. No plano laboral, denunciouse o bloqueo da negociación do convenio por parte da patronal e a falta de avances en conciliación, control horario e dereitos, xunto coa demanda de garantías salariais dignas e cláusulas de revisión ligadas ao IPC.
Desde Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane cualificou de 'desastroso' o servizo en Oleiros e na comarca coruñesa e denunciou a presión que soportan os condutores, que deben xestionar queixas constantes e mesmo pedir que non suban máis persoas cando os autobuses van completos. Pola súa banda, Avia Veira (BNG) reclamou que a Xunta garanta condicións laborais dignas nun servizo esencial e que o mal funcionamento é doado de comprobar no día a día.
Na mesma sesión, o pleno aprobou outra moción para instar á Xunta a incrementar de forma inmediata o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ata acadar o 100% do custo real, ao considerar que os concellos están asumindo unha carga que os leva a situacións límite. O texto solicita un informe xurídico sobre a viabilidade dun recurso xudicial e pide impulsar un novo modelo público de coidados. Ademais, aprobouse por unanimidade unha moción do PP sobre as dificultades do novo regulamento europeo de control pesqueiro para a frota artesanal e de litoral, mentres que non prosperou outra iniciativa popular sobre o sector agrario e gandeiro.