A Deputación da Coruña pecha filas co persoal do Grupo Losán e reclama unha solución ao conflito laboral

ACoruñaXa
O pleno aproba por unanimidade unha declaración institucional e os portavoces dos grupos reúnense co comité de empresa antes da sesión
DEPU CORU grupo losan
30 Jan 2026

A Deputación da Coruña aprobou no pleno deste venres, 30 de xaneiro, unha declaración institucional de apoio ao persoal do Grupo Losán, empresa do sector da madeira con presenza destacada en Galicia, cuxos traballadores e traballadoras denuncian desde hai anos condicións laborais deficientes.

O acordo contou co respaldo unánime de todos os grupos con representación na corporación provincial (PP, PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños). No texto, a Deputación fai seu o diagnóstico de que arredor de 200 familias galegas veñen sufrindo atrasos reiterados no cobro das nóminas, impagos de pagas extraordinarias e incumprimentos do convenio colectivo, unha situación que, segundo se recolle, compromete tanto a estabilidade laboral como a continuidade da actividade produtiva.

Como parte deste apoio, os portavoces das distintas formacións mantiveron antes do pleno unha reunión co comité de empresa do Grupo Losán para coñecer de primeira man a situación e tratar de mediar no conflito. No encontro participaron Bernardo Fernández (PSOE), Avia Veira (BNG), Evaristo Ben (PP) e Ángel García Seoane (AV), amosando unha posición común en defensa do emprego e dos dereitos laborais.

A través da declaración, a institución provincial expresa que está ao lado do persoal na súa loita pola defensa dos postos de traballo e na reivindicación de condicións laborais dignas. O documento tamén recoñece o impacto social do conflito e a súa dimensión estratéxica para o tecido industrial galego.

Ademais, a Deputación insta tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno do Estado a impulsar unha solución que permita garantir o futuro da empresa e a continuidade dunha actividade industrial considerada clave para o sector da madeira en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.082350015640259