A Deputación da Coruña levará a FITUR a invitación para vivir a eclipse total do 12 de agosto na provincia

A Deputación da Coruña acudirá un ano máis a FITUR, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en IFEMA Madrid entre o 21 e o 25 de xaneiro, cunha proposta propia integrada no espazo da Xunta de Galicia.
O principal reclamo será un fenómeno astronómico pouco habitual: a eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto de 2026, unha cita que atravesará o norte de España de oeste a leste e que na Coruña se vivirá ao final da tarde, moi preto do solpor. Por iso, a Área de Turismo da Deputación resume a experiencia cunha idea suxestiva: na mesma xornada o sol ‘porase’ dúas veces, primeiro co escurecemento da totalidade e despois coa caída definitiva do astro no horizonte.
A presentación da campaña terá lugar o xoves 22 de xaneiro, ás 11.00 horas, no pavillón 9, coa intervención da astrofísica e profesora da Universidade de Santiago (USC) Begoña Nicolás Ávila, baixo o título ‘Un atardecer, dous solpores: a eclipse na provincia da Coruña’. O vicepresidente provincial e responsábel de Turismo, Xosé Regueira, explica que será ‘un instante irrepetíbel’ que tamén pode servir para descubrir a riqueza do territorio.
A Deputación pon o foco, ademais, no potencial do astroturismo en dous enclaves recoñecidos pola Fundación Starlight: a Costa da Morte e a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (As Mariñas). Trátase, subliña Regueira, de espazos complementarios onde a calidade do ceo nocturno convive con patrimonio natural, cultural e histórico.
A presenza en FITUR encaixa, engade a institución, nun modelo turístico ‘baseado na diversidade, na calidade e na competitividade’, apoiado nunha rede de xeodestinos que permite combinar costa e interior, natureza e Camiños de Santiago, xunto cunha oferta urbana e patrimonial de primeiro nivel. Ademais da acción específica sobre a eclipse, a Deputación levará á feira a Guía turística da provincia, dispoñíbel en galego e castelán, con información práctica e fotografías para planificar visitas por ‘A provincia que sabe’.