A Deputación da Coruña leva ‘A paisaxe que sabe’ a Madrid Fusión 2026 cunha axenda continua de showcookings, catas e degustacións

A Deputación da Coruña volverá participar en Madrid Fusión Alimentos de España para exhibir a calidade e a variedade da cadea agroalimentaria provincial baixo o paraugas da campaña ‘A paisaxe que sabe’. A cita, considerada un dos grandes escaparates do sector, celebrarase do 26 ao 28 de xaneiro en IFEMA Madrid, no pavillón 14.
A Área de Turismo e Promoción Económica, dirixida polo vicepresidente e deputado Xosé Regueira, avanzou unha programación continuada de presentacións, demostracións, relatorios, catas e degustacións pensada para público profesional. O responsable provincial subliñou que se trata do ‘primeiro gran evento do ano’ no que os produtos e profesionais da provincia se amosan nun “escenario privilexiado”.
Entre as propostas previstas no posto provincial figuran showcookings a cargo de Fabián Mouzo (O Camiño Fala, Mazaricos), Silvia Facal e Rafa Varela (Balarés, Ponteceso) e Lucía Freitas (A Tafona, Santiago), que permitirán amosar distintas lecturas da cociña galega contemporánea a partir de materia prima do territorio.
Xunto á cociña en directo, a Deputación levará ao congreso presentacións e degustacións de produtos como Gallegas de Nata, Fabada Galaica, conservas, queixos con denominación de orixe Arzúa-Ulloa ou elaboracións de firmas da provincia e da contorna compostelá, ademais de catas e relatorios sobre zonas vitivinícolas galegas e unha cata vertical de queixos.
Esta será a cuarta participación da institución en Madrid Fusión, unha presenza coa que a Deputación reafirma a súa aposta pola promoción turística e gastronómica baseada na excelencia do produto, no talento profesional e na identidade do territorio.