A Deputación da Coruña lanza unha campaña teatral para combater o acoso escolar

ACoruñaXa
O proxecto pasará no mes de xaneiro por institutos de secundaria e bacharelato dos concellos de Neda, Sada, Oleiros, Carballo, Oroso e A Pobra do Caramiñal
yoya-neira
1 Dec 2025

A Deputación da Coruña presenta un novo programa educativo que utiliza o teatro como ferramenta para sensibilizar ao alumnado sobre o acoso escolar. Entre o 12 e o 17 de xaneiro, institutos de secundaria e bacharelato dos concellos de Neda, Sada, Oleiros, Carballo, Oroso e A Pobra do Caramiñal acollerán actividades enfocadas na prevención do bullying.

O proxecto céntrase na representación da obra teatral ‘PAPEL’, da compañía Ventrículo|Veloz, escrita e dirixida por Jose Padilla. Esta montaxe aborda o acoso escolar cunha linguaxe cercana e dinámica, combinando humor e realismo para facilitar a reflexión e o diálogo coa mocidade. A obra busca que o público poida identificar situacións habituais de exclusión e repensar o seu papel dentro do entorno escolar.

A deputada de Educación, Yoya Neira, explicou que o obxectivo principal é “reforzar a convivencia nas aulas a través da cultura e da reflexión colectiva”. Engadiu que “a loita contra o acoso escolar debe ser unha prioridade compartida, e iniciativas como esta axudan a que o alumnado identifique, comprenda e rexeite estas situacións desde a empatía e o respecto”.

Neira destacou que esta primeira edición está orientada ao alumnado de Bacharelato, seguindo as recomendacións dos propios centros educativos. “É importante traballar estes temas en cursos altos, onde xa se teñen vivencias e capacidade de reflexión. Queremos facerlles chegar, a través do pensamento crítico e da empatía, esas situacións que ás veces permanecen ocultas”, sinalou.

A deputada destacou que esta iniciativa forma parte dunha estratexia máis ampla da Deputación para promover valores democráticos e fortalecer os vínculos na comunidade educativa. “Vimos traballando con sensibilidade cos concellos e coa comunidade educativa, porque a preocupación por determinadas condutas medrou, especialmente polo impacto das redes sociais”, indicou.

Neira alertou tamén sobre o papel das plataformas dixitais como espazos onde o acoso se prolonga máis alá das aulas, lembrando que “o bullying xa non queda no colexio: está presente as 24 horas, e moitas veces non teñen as ferramentas necesarias para xestionalo. A comunidade educativa —profesores, alumnado e familias— debe ser consciente deste perigo e reflexionar tamén sobre a idade de entrada no mundo dixital”.

Para rematar, a deputada resaltou que esta campaña quere ser “unha ferramenta máis dentro dun labor continuado”, destacando que “gotiña a gotiña, con iniciativas como esta, axudamos a que o alumnado identifique aquelas actitudes que sobrepasan a broma. Facémolo dunha forma lúdica, próxima e adaptada á súa realidade. E se os resultados son bos e a resposta é positiva, poderemos continuar esta liña de traballo nos próximos anos”.

⚙ Configurar cookies
0.074241161346436