A Deputación da Coruña lanza axudas por 225.000 euros para asociacións veciñais e de mulleres

A Deputación da Coruña publicou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases dunha nova liña de subvencións dirixida a asociacións de veciños e asociacións de mulleres da provincia, coa finalidade de apoiar a realización de actividades de promoción económica e social durante 2026.
A convocatoria conta cun orzamento total de 225.000 euros e está orientada a entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade na provincia. No caso das asociacións veciñais, poderán solicitar as axudas as que pertenzan a concellos de menos de 50.000 habitantes. As asociacións de mulleres tamén poden optar ás subvencións sempre que estean legalmente constituídas e cumpran os requisitos fixados nas bases.
As achegas permitirán financiar proxectos como programas formativos, propostas culturais, iniciativas de emprendemento, accións de promoción do comercio local e actividades de participación cidadá, así como actuacións vencelladas á igualdade de oportunidades, ao envellecemento activo ou á integración social.
As subvencións oscilarán entre 1.200 e 10.000 euros por proxecto e poderán cubrir entre o 20% e o 80% do custo total, en función das características da iniciativa e da puntuación obtida no procedemento de concorrencia competitiva. As actividades subvencionables deberán desenvolverse ao longo de 2026, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro.