A Deputación da Coruña insta á Xunta a reforzar o Fondo de Cooperación Local para saldar a débeda de 600 millóns de euros cos concellos

A Deputación da Coruña aprobou este venres, en sesión ordinaria, unha moción do PSdeG-PSOE que insta á Xunta de Galicia a incrementar o Fondo de Cooperación Local (FCL) nos orzamentos de 2026 co fin de corrixir o déficit de financiamento municipal e saldar os 600 millóns de euros que, segundo a corporación provincial, a administración autonómica adebeda polos servizos de competencias impropias asumidos polos concellos.
A proposta saíu adiante cos votos favorables de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do PP. O texto reclama máis fondos estruturais para o rural e criterios de reparto obxectivos, de maneira que os 93 concellos da provincia, tanto os de interior coma os costeiros, poidan garantir servizos públicos en condicións de igualdade coas áreas urbanas.
O voceiro do goberno provincial, Bernardo Fernández, subliñou que os municipios 'están a cargar con funcións que non lles corresponden sen a cobertura económica precisa', o que desestabiliza as súas contas e condiciona a planificación. Lembrou, ademais, que o FCL permanece conxelado desde 2010 e que, malia o recente anuncio de elevar a partida ata 187 millóns de euros, 71 millóns son finalistas, polo que só 116 millóns quedarían á libre disposición municipal. 'Se dividimos entre os 313 municipios galegos, falamos de menos de 600.000 euros por concello, unha cifra insuficiente; a propia Deputación da Coruña, con un orzamento moito menor, transfire máis recursos aos 93 concellos da provincia', advertiu.
A moción incorpora tamén unha demanda de apoio específico ao rural coruñés, recuperando servizos recortados e financiando a súa plena cobertura. Tomando como referencia as estimacións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o acordo pide partidas de arredor de 500 millóns de euros a nivel galego para alcanzar a igualdade real na prestación de servizos públicos no rural, situación que, segundo a Deputación, aínda non se cumpre.
No plano institucional, a corporación solicita que a Xunta recoñeza as Deputacións Provinciais como Entidades Locais para efectos de financiamento, en liña coa Constitución, a fin de asegurar un marco estable e suficiente que lles permita seguir apoiando os concellos coruñeses con programas de investimento, mantemento de infraestruturas, acción social e dinamización económica.
Fernández pechou a defensa do texto reivindicando o municipalismo e a autonomía financeira: 'A Xunta debe abandonar a lóxica de recortes e apostar de verdade polo rural galego e, en particular, polos concellos da provincia da Coruña', concluíu.