A Deputación da Coruña insta á Xunta á “eliminación inmediata” das peaxes da autoestrada A Coruña-Carballo
A Deputación da Coruña insta á Xunta de Galicia a eliminar “de xeito inmediato” as peaxes nas autoestradas AG-55, entre A Coruña e Carballo, e AG-57, de Puxeiros a Val Miñor, ambas de titularidade autonómica.
O pleno da Deputación aprobou hoxe a moción presentada polo Partido Socialista instando ao goberno autonómico a suprimir as citadas peaxes. A iniciativa contou coas votos favorables de PSOE, BNG, e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular.
Durante o debate, o portavoz do Partido Socialista, Bernardo Fernández, destacou os esforzos do Goberno Central na ampliación das bonificacións na AP-9, iniciadas en 2021, e aposta por continuar co “avance cara á gratuidade”, tanto nas autoestradas de competencia estatal como nas de dependencia autonómica.
No relativo a AP-9, o texto da moción aprobada hoxe polo pleno apoia a súa transferencia a Galicia e aposta polo avance cara a gratuidade para “corrixir a nefasta decisión do Goberno do PP de Aznar, co silencio cómplice da Xunta de Galicia, de castigarnos con peaxes na AP-9 ata o ano 2048”.