A Deputación da Coruña inaugura en Miño e Carral os murais da segunda edición de ‘Arte no Camiño’

A Deputación da Coruña inaugurou este martes en Miño e Carral os murais correspondentes á segunda edición de ‘Arte no Camiño’, completando así as intervencións que a semana pasada se presentaron en Negreira, Cee e Corcubión. Esta iniciativa busca destacar as rutas xacobeas como espazos de creación artística e cultural a través da arte urbana.
O deputado provincial Antonio Leira destacou durante o acto a importancia de ‘Arte no Camiño’ para transformar as rutas xacobeas en espazos de creación, “onde cada mural dialoga co territorio e enriquece a experiencia de quen percorre o Camiño”, resaltando o compromiso da Deputación co apoio a proxectos que visibilizan o talento artístico local.
En Miño, a artista Raquel Germade realizou un mural que invita á reflexión sobre o camiñar, evocando o que queda diante e detrás da paisaxe e a conexión entre o peregrino e o territorio que atravesa.
Pola súa banda, en Carral, Isa Bermúdez inspirouse nas antigas lendas sobre fontes con propiedades curativas e na tradición dos peregrinos medievais que recuperaban a saúde ao chegar a Galicia. A súa obra representa unha peregrina envolta nunha aura máxica, acompañada de paxaros, avanzando na noite na procura desa fonte simbólica de vida e curación que, segundo a memoria popular, existía nas terras carralesas.
Estes dous murais súmanse aos xa inaugurados en Negreira, Cee e Corcubión, configurando un percorrido artístico que une creación contemporánea, identidade local e a experiencia xacobea. Con esta segunda edición, ‘Arte no Camiño’ consolídase como un dos proxectos culturais máis singulares vinculados ás rutas xacobeas na provincia da Coruña.