A Deputación da Coruña impulsa un orzamento histórico de 256,5 millóns para 2026 con prioridade nos concellos, o benestar social e o emprego

A Deputación da Coruña presentou o seu orzamento para 2026, que ascende a 256,5 millóns de euros, a cifra máis elevada na historia da institución. As contas medran un 6,67% respecto ao exercicio anterior e manteñen por décimo ano consecutivo a débeda a cero, consolidando un modelo baseado na cohesión territorial, o apoio ao municipalismo e o impulso do benestar social.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, subliñou que estes orzamentos constitúen unha ferramenta esencial para garantir previsibilidade aos concellos, que coñecerán desde o 1 de xaneiro os recursos dispoñibles para avanzar en investimentos e servizos. Destacou tamén que, malia o incremento nas partidas sociais, mantéñense as taxas e prezos públicos conxelados e garántese un prazo medio de pago ás empresas de dez días.
O vicepresidente Xosé Regueira lembrou que os presupostos seguen criterios obxectivos e afastados da discrecionalidade do pasado. Segundo apuntou, antes de 2015 entre o 20 e o 30% dos fondos repartíanse por decisión política directa, mentres que agora imperan a igualdade e a xustiza territorial.
A maior parte do investimento (110,36 millóns de euros) destinarase directamente aos concellos. Desta cantidade, 88 millóns corresponderán ao Plan Único (POS+2026), que crece un 2,36% e inclúe 8 millóns para o POS Social. Dende 2017, este plan permitiu executar 4.600 obras cun investimento global de máis de 812 millóns. As subvencións municipais completan a partida cun total de 22,3 millóns, que posibilitan a contratación de persoal técnico e a creación de 1.600 empregos directos.
O ámbito social será a segunda gran prioridade das contas, cun investimento de 35,5 millóns. A Deputación financiará 400.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar, programas de igualdade e envellecemento activo, así como a contratación de 180 profesionais sociais. Ademais, 2026 marcará o inicio da implantación das Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores, un novo modelo residencial baseado na proximidade e a atención personalizada. A primeira destas instalacións abrirá en As Pontes, cun investimento previsto de 5,7 millóns, e as seguintes situaranse en Rianxo e Ordes.
Un dos anuncios máis innovadores é a introdución das cláusulas demográficas na contratación pública provincial. Estas permitirán que determinados servizos, sempre que sexa viable, se presten desde concellos en risco de despoboamento. Formoso puxo como exemplo o servizo de Teleasistencia, que atende a 4.500 persoas maiores e que podería desenvolverse desde municipios pequenos, xerando emprego local e contribuíndo a fixar poboación.
No eido laboral, o Plan de Emprego Local (PEL) contará con 16,37 millóns. Dende 2016, o programa acumula 166 millóns investidos, máis de 8.000 empregos creados e 3.000 empresas apoiadas, ademais de 260 proxectos emprendedores nacidos na rede de coworkings.
Tamén se reforzan as partidas de Vías e Obras, con 31,16 millóns (+30%), destinadas a mellorar a seguridade viaria e a mobilidade sostible. Cultura e lingua recibirán 12,84 millóns (+7%) e o deporte 8,1 millóns (+3,8%). A área de educación e mocidade crecerá un 42%, incorporando programas de estancias no estranxeiro para alumnado de Bacharelato e novas liñas para ANPAS.
No ámbito das emerxencias, aumentan as partidas de protección civil, o GES e o Consorcio de Bombeiros, que incorporará 80 novos efectivos en 2026 para reforzar os dez parques comarcais da provincia. No sector audiovisual, o Coruña Estudio Inmersivo vivirá o seu ano de expansión, co obxectivo de situar a provincia como referente creativo e tecnolóxico.
Outro dos proxectos salientables será a apertura das primeiras sedes provinciais fóra da capital, situadas en Ferrol e Santiago, que ofrecerán servizos como oficinas tributarias, salas de exposicións, auditorios e espazos de coworking.
Formoso concluíu asegurando que 2026 será un ano determinante para seguir avanzando nunha Deputación comprometida coa igualdade, a cultura, a innovación e o apoio aos concellos, sempre cunha xestión eficiente e rigorosa.