A Deputación da Coruña fai balance dunha década de impulso ao Camiño Inglés nun novo libro

A Biblioteca Provincial da Coruña converteuse esta tarde no escenario escollido pola Deputación para presentar 'Dez anos abrindo camiño: A Deputación da Coruña e o rexurdir do Camiño Inglés (2015-2025)', un volume que recompila a traxectoria, as principais actuacións e o impacto do traballo desenvolvido pola institución provincial na posta en valor deste itinerario xacobeo ao longo da última década.
No acto interviñeron o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira; o deputado responsable da promoción do Camiño Inglés, Antonio Leira; e o xornalista e investigador Cristóbal Ramírez, vinculado desde hai anos á análise e divulgación das rutas xacobeas.
A publicación ofrece un percorrido polos dez anos de esforzo continuado cos que a Deputación da Coruña contribuíu ao rexurdimento do Camiño Inglés: desde a mellora da sinalización e das infraestruturas de acollida ata o apoio á investigación histórica, pasando pola protección e difusión do patrimonio cultural e natural asociado á ruta e pola súa promoción en ámbitos nacionais e internacionais. O libro pon tamén o foco no carácter estratéxico deste camiño, que volve conectar Galicia coas culturas do norte de Europa, como xa acontecía desde a Idade Media a través das rutas marítimas e dos primeiros peregrinos que arribaban aos portos galegos.
A obra ábrese cun prólogo do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que define o Camiño Inglés como 'unha das máis singulares expresións da nosa historia compartida con Europa' e reivindica o compromiso da institución cun 'modelo de desenvolvemento sostible, enraizado no territorio, que dinamiza as vilas e fortalece a identidade local'.
Durante a presentación, o vicepresidente Xosé Regueira puxo en valor o labor e a perspectiva de Cristóbal Ramírez na elaboración do libro. 'Todo itinerario histórico precisa dun cronista. Cristóbal Ramírez é hoxe unha referencia na memoria escrita do Camiño de Santiago e, en particular, un especialista recoñecido no Camiño Inglés. A través dos seus artigos coñecemos a realidade actual das rutas xacobeas e os retos que teñen por diante', afirmou. Regueira incidiu en que Ramírez 'coñece como poucos a evolución do Camiño Inglés e, por tanto, é unha voz máis que autorizada para explicar como cambiou esta ruta na última década a partir das accións impulsadas desde a Deputación da Coruña'.
Pola súa banda, o deputado Antonio Leira subliñou que o volume recolle 'unha década dun traballo constante, sostido e colectivo, que fixo posible o regreso do Camiño Inglés ao lugar que lle corresponde'. Segundo indicou, foron 'dez anos de coordinación cos concellos, de implicación das entidades locais e tamén de abrir portas fóra de Galicia, especialmente no Reino Unido, para recuperar a memoria dos primeiros peregrinos'. Leira remarcou que 'hoxe o Camiño Inglés vive un momento de crecemento histórico grazas, en boa medida, a este labor desenvolvido pola Deputación da Coruña'.