A Deputación da Coruña estrease en HIP–Horeca Professional Expo co foco no produto local e na cociña atlántica

A Deputación da Coruña iniciou a súa participación en HIP–Horeca Professional Expo cunha primeira xornada marcada pola cociña en directo, as presentacións de produto e os obradoiros de harmonías dirixidos ao sector profesional. Baixo o paraugas da campaña 'A paisaxe que sabe', a proposta da institución provincial espertou interese entre as persoas asistentes, con pratos que reinterpretan elaboracións tradicionais da gastronomía galega e poñen en valor a cadea agroalimentaria da provincia.
O vicepresidente Xosé Regueira sinalou a 'altísima calidade' do produto coruñés e puxo o acento no obxectivo de amosar unha mostra ampla do potencial enogastronómico provincial. A Deputación acode á feira con tres restaurantes participantes nas demostracións culinarias ao longo das tres xornadas e con nove empresas do ámbito produtor e distribuidor, buscando unha presenza que represente a cadea de valor do sector.
Na primeira sesión de showcooking participou Beatriz Sotelo, do restaurante Illas Gabeiras, cun menú no que figuraron mexillón de Lorbé con escabeche suave e fabas con ameixas e alga codium. A xornada completouse con novas degustacións e cun taller de harmonías conducido polo sumiller Alejandro Paadín, dentro dunha programación concibida para un público estritamente profesional.
A participación provincial incorpora tamén unha dimensión turística para 2026. Regueira indicou que o espazo da Deputación na feira reflicte parte da estratexia ligada á eclipse solar do 12 de agosto, e lembrou que na provincia existen dous destinos Starlight: Costa da Morte e As Mariñas Coruñesas.
A programación continuará este martes, 17 de febreiro, con almorzos, presentacións e degustacións, ademais de dous showcookings do restaurante As Garzas. A axenda inclúe tamén un taller de harmonías centrado en viños da IXP Barbanza e Iria e conservas de A Conserveira, e pechará con novas degustacións orientadas a visibilizar produto e elaboracións da provincia no contexto dunha das principais feiras do sector horeca.