A Deputación da Coruña e Orgullo Galego impulsan unha nova edición de 'O galego e as redes sociais'

A área de Lingua da Deputación da Coruña presentou este 29 de xaneiro de 2026 en A Coruña a campaña 'O galego na música e nas redes sociais', unha nova edición do programa 'O galego e as redes sociais' que se desenvolverá en 22 centros educativos da provincia da man de Orgullo Galego. O obxectivo é reforzar a presenza do galego no ecosistema dixital e animar a rapazada a crear contidos en galego nas plataformas que máis utiliza.
Na presentación participaron a deputada de Lingua, Sol Agra, e o responsable de Orgullo Galego, Borxa González, que explicaron as liñas principais dun proxecto que dá continuidade ao posto en marcha o pasado curso. Nesta ocasión, a iniciativa suma a música como elemento central para visibilizar bandas e propostas actuais que triunfan en galego e que xa contan con presenza destacada nas plataformas.
Agra puxo o foco no papel das redes sociais como espazo clave para a normalización lingüística entre as novas xeracións e defendeu que a mocidade debe sentirse segura para expresarse en galego tamén en internet. A deputada chamou a atención sobre a idea (aínda presente entre parte da rapazada) de que usar o galego pode restar seguidores e insistiu en que ese prexuízo non se corresponde coa realidade, ademais de salientar a importancia de coñecer referentes que demostren que o éxito depende do contido e non do idioma.
Pola súa banda, Borxa González subliñou o potencial das redes como ferramenta para chegar a públicos amplos e normalizar o galego con naturalidade. Nas súas charlas achegará contextualización sobre a situación actual, recursos para xerar contido no noso idioma, argumentos e exemplos de creadores e grupos musicais que empregan o galego con normalidade. 'Xerar contido en galego suma', resumiu.