A Deputación da Coruña e o CITIC da UDC levan a IA xenerativa a 20 institutos da provincia

A Deputación da Coruña, en colaboración co CITIC - Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, puxo en marcha un programa educativo pioneiro para achegar a intelixencia artificial xenerativa ás aulas de 20 centros de ensino secundario da provincia. A iniciativa está orientada ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato e pretende dotar a mocidade de coñecementos básicos e competencias prácticas arredor dunha tecnoloxía que xa está presente na vida cotiá e no ámbito académico.
As sesións impártense en aulas con ordenador e combinan explicacións introdutorias cun enfoque eminentemente práctico. O alumnado traballa co funcionamento e as posibilidades da IA xenerativa, coñecendo aplicacións e usos actuais e reflexionando sobre os retos que implican estas ferramentas, especialmente no que respecta ao seu emprego ético, seguro e responsable. O contido inclúe tamén o potencial da IA na creación de materiais dixitais, desde texto ata imaxe, audio e vídeo, así como unha análise das oportunidades e riscos que poden aparecer nos ámbitos educativo, social e profesional.
A deputada de Educación, Yoya Neira, salientou que ‘a intelixencia artificial xa forma parte da realidade cotiá da nosa mocidade’, polo que considera clave impulsar desde as institucións unha formación ‘crítica, rigorosa e adaptada aos novos tempos’. Neira subliñou que ‘non se trata só de aprender a usar ferramentas, senón de entender como funcionan, que implicacións teñen e como empregalas con responsabilidade’. A responsable provincial engadiu, ademais, que o programa busca contribuír a ‘democratizar o acceso ao coñecemento tecnolóxico’ e reducir a fenda dixital, garantindo oportunidades semellantes tanto en centros urbanos como rurais.
O calendario prevé dúas sesións por centro, de dúas horas cada unha. As actividades iniciáronse o 9 de febreiro no IES Agra do Orzán e desenvolveranse ao longo de febreiro, marzo e abril en distintos concellos da provincia, como o IES Blanco Amor de Culleredo ou o IES María Casares de Oleiros.