A Deputación da Coruña e a Cámara de Comercio de Santiago levan o programa 'Provincia Emprendedora' ás aulas

A Deputación da Coruña, en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago, continúa a achegar o espírito emprendedor á mocidade da provincia a través do programa 'Provincia Emprendedora', que nos seus dous primeiros meses de funcionamento xa chegou a máis de 340 estudantes.
O obxectivo deste programa é apoiar e impulsar o emprendemento e a actividade empresarial como ferramentas para crear emprego estable e de calidade, xerar riqueza e contribuír ao desenvolvemento socioeconómico da provincia. Para iso articúlase en tres liñas principais: a dinamización do espírito emprendedor no sistema educativo mediante 'Emprendendo nas aulas', un servizo de apoio a persoas autónomas e empresas na procura de financiamento e un bloque de información e asesoramento dirixido especificamente a persoas emprendedoras.
'Emprendendo nas aulas' céntrase en fomentar o emprendemento e o traballo cooperativo entre o alumnado, ofrecendo aos centros educativos apoio en competencias emprendedoras e habilidades transversais. As sesións deseñanse en coordinación co profesorado e adáptanse á idade e ás necesidades de cada grupo, co fin de complementar o traballo que xa se realiza nas aulas.
Ao longo do curso académico 2025-2026 está prevista a realización de máis de 60 sesións en centros de distintas localidades, entre elas Santiago de Compostela, Vedra, Porto do Son, Mazaricos, Muros, O Pino ou A Pobra do Caramiñal, cunha previsión de máis de 600 alumnos e alumnas participantes. A boa acollida do programa levou a Deputación e á Cámara a estudar a ampliación das actividades para chegar a un maior número de centros da provincia.
Os centros interesados en sumarse á iniciativa poden poñerse en contacto coa Cámara de Comercio de Santiago a través do correo electrónico emprende@camaracompostela.org ou no teléfono 981 596 800 (área de Emprendemento), onde recibirán información detallada sobre contidos, calendario e forma de participación.