A Deputación da Coruña destinará máis dun millón de euros anuais ata 2027 para os GES

ACoruñaXa
O acordo alcanzado permitirá manter as oito bases de Grupos de Emerxencias Supramunicipais que prestan servizo a 39 concellos da provincia
Pleno Deputación da Coruña 27 decembro
27 Dec 2024

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, co respaldo de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e a abstención do PP, destinar máis dun millón de euros anuais ata 2027 para financiar os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) na provincia. O convenio marco, asinado coa Xunta de Galicia e a Fegamp, establece que a Deputación asumirá o 40 % do financiamento, mentres que a Xunta achegará o 52,5 % e os concellos o 7,5 %.

Na provincia da Coruña, os GES contan con oito bases localizadas en Brión, Curtis, Mugardos, Muros, Ortigueira, Padrón, Ponteceso e Noia, que prestan servizo a 39 concellos cun total de 12 efectivos en cada base. O mantemento anual deste servizo ascende a 2.560.000 euros, dos cales a Deputación achegará 1.024.000 euros.

Os GES reforzan o dispositivo de emerxencias e extinción de incendios na provincia, complementando os 10 parques comarcais de bombeiros, e permitindo unha cobertura eficiente nas zonas sen servizos municipais propios. A súa coordinación inclúe colaboración técnica cos servizos contraincendios, os distritos forestais e o 112-Galicia, en función da emerxencia.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a relevancia do acordo para garantir a cobertura en zonas rurais. Tamén sinalou que "é necesaria unha reflexión por parte da Xunta sobre o mapa de emerxencias de Galicia para mellorar a coordinación entre os distintos servizos".

Ademais, Formoso resaltou o incremento do 53 % no orzamento destinado ao Consorcio Provincial de Bombeiros, que ascenderá a 5,7 millóns de euros en 2025, aos que se suman as achegas anuais para os GES e o apoio á dotación material das agrupacións de Protección Civil.

0.16207599639893