A Deputación da Coruña destina fondos para reforzar o equipamento de 17 agrupacións de Protección Civil

ACoruñaXa
As axudas, que subvencionan ata o 80% do custo dos equipos, beneficiarán a agrupacións de concellos con menos de 50.000 habitantes
Imaxe do edificio da Deputación da Coruña
19 Ago 2024

A Deputación da Coruña anunciou hoxe a concesión definitiva de axudas por un total de 114.639,25 euros para apoiar a 17 agrupacións e asociacións de voluntarios de Protección Civil en concellos de menos de 50.000 habitantes. Estas subvencións, publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP), están destinadas a financiar ata o 80% das compras de equipos que mellorarán os servizos que estas entidades prestan á cidadanía.

Os importes das axudas varían entre os 4.000 e os 11.400 euros, e permitirán ás agrupacións adquirir equipos de comunicacións, rescate e salvamento, material de intervención en emerxencias, así como ferramentas e equipos informáticos. As entidades beneficiadas inclúen as agrupacións de Protección Civil de A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Betanzos, Carnota, Coristanco, Curtis, Muros, Muxía, Val do Dubra, Oroso, Mazaricos, Carral, Zas, Boiro e Negreira, ademais de dúas asociacións de agrupacións que recibirán apoio para a adquisición de equipos informáticos.

Estas subvencións súmanse ás concedidas o pasado mes de xuño, cando a Deputación destinou 75.000 euros a financiar actividades doutras 11 agrupacións de Protección Civil na provincia.

“A Deputación pretende con estas axudas apoiar o gran traballo que realizan as agrupacións de Protección Civil da provincia, a través de programas consensuados coas propias agrupacións e atendendo ás súas necesidades máis directas”, declarou a deputada responsable da área, Cristina Capelán. Engadiu tamén que, ademais de dotar ás agrupacións dos materiais que precisan, a Deputación traballa para mellorar a formación dos voluntarios en áreas clave como a prevención e atención a urxencias, o manexo de radio e equipos de comunicacións, e a pilotaxe de drons.

 

 

0.19129300117493