A Deputación da Coruña destina 1,41 millóns de euros a festivais culturais en 2025

ACoruñaXa
Subvencións destinadas a festivais audiovisuais, de artes escénicas e musicais, así como a eventos mixtos
teatro-escenario
26 Mar 2025

A Deputación da Coruña investirá 1,41 millóns de euros no programa FO223/2025, unha liña de subvencións destinada a festivais audiovisuais, de artes escénicas e musicais, así como a eventos mixtos que se celebren na provincia ao longo do ano 2025.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase o 25 de marzo e permanecerá activo ata o 25 de abril, sendo xestionado integramente por vía telemática a través da plataforma SUBTEL. As axudas concedidas oscilarán entre os 5.000 e os 60.000 euros.

Requisitos e obxectivos das axudas

As subvencións están dirixidas a festivais que reúnan unha serie de requisitos, como contar cunha identidade e marca propia recoñecible, unha programación diversa con diferentes propostas artísticas, unha celebración periódica e unha data consolidada, ademais de estar orientados a un público amplo cunha proposta de contidos coherente e definida. Tamén poden optar ás axudas aqueles festivais que, mantendo esa identidade, formen parte dun evento de carácter económico ou turístico máis amplo.

Quedan excluídas desta convocatoria as programacións culturais municipais, as actividades culturais enmarcadas en eventos gastronómicos, turísticos ou festivos, as fundacións con sede na provincia que sexan medios propios da administración autonómica ou estatal, as corais polifónicas, as bandas de música populares, as entidades de música e baile tradicional galego e as formacións musicais de grande formato, que contan cunha liña de axudas específica.

Distribución do orzamento

O orzamento total de 1,41 millóns de euros repartirase en tres modalidades diferentes:

Modalidade A: Concellos e outras entidades locais da provincia da Coruña, cunha dotación de 580.000 euros (axudas entre 5.000  e 60.000 euros).

Modalidade B: Entidades sen ánimo de lucro domiciliadas en Galicia, cunha dotación de 680.000 euros (axudas entre 5.000  e 45.000 euros).

Modalidade C: Persoas físicas ou xurídicas constituídas como entidades lucrativas dentro da Unión Europea, cunha dotación de 150.000 euros (axudas entre 5.000 e 30.000 euros).

Unha aposta pola cultura

A responsable provincial de Cultura, Natividade González, destacou que o sector dos festivais é unha das prioridades estratéxicas do departamento: "O ámbito dos festivais é un dos campos que, no cuantitativo e no cualitativo, máis está a centrar as políticas de fomento do noso departamento nos últimos anos, con liñas de subvencións específicas, criterios claros e transparentes e permanente diálogo coas entidades interlocutoras dos diferentes sectores".

Segundo González, "os eventos culturais, nomeadamente os festivais, obxecto desta convocatoria, debúzanse como espazos privilexiados para a convivencia, a innovación social, a reflexión e os debates, e o exercicio colectivo da responsabilidade. Son ferramentas con capacidade para transformar territorios, crear redes, promover talentos, experimentar procesos de innovación, impulsar a concienciación e contribuír ao benestar comunitario".

⚙ Configurar cookies
0.10942888259888