A Deputación da Coruña crea a comisión que debuxará as novas Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores

A Deputación da Coruña constituíu hoxe a comisión político-técnica que deseñará o novo modelo provincial de residencias públicas para maiores, as chamadas Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM). O ente será o encargado de elaborar a memoria técnica, social, xurídica e financeira do proxecto e marca o inicio dunha nova etapa na atención ás persoas maiores na provincia.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, salientou que a posta en marcha da comisión 'abre un proceso transformador cara a uns coidados máis humanos, próximos e comarcais, que eviten o desarraigo e a soidade'. No órgano están representados todos os grupos da corporación (PSOE, PP, BNG e Alternativa dos Veciños) xunto con persoal técnico das áreas de Política Social, Intervención, Secretaría, Arquitectura, Contratación e Patrimonio.
As CAM apostan por un modelo de quinta xeración inspirado nas experiencias nórdicas: equipamentos de pequeno tamaño, abertos á comunidade, con plans de atención individualizados e unidades de convivencia que reproducen a vida nun fogar. A previsión é limitar as prazas a un máximo de 59 por centro, organizadas en catro unidades de 14 ou 15 residentes, para garantir unha atención máis personalizada.
A Deputación prevé desenvolver as primeiras experiencias en As Pontes (proxecto piloto), Rianxo e Ordes. Os centros disporán de cuartos individuais e dobres con espazos comúns integrados na contorna e programarán actividades de convivencia interxeracional en colaboración con centros educativos, familias e tecido asociativo local.
O modelo incorpora innovación tecnolóxica (domótica, telemedicina, sistemas intelixentes de climatización e iluminación, sensores de seguridade e ferramentas de rehabilitación física e cognitiva) para mellorar a calidade de vida das usuarias e as condicións do persoal. Valórase, ademais, a presenza de hortas, animais de compañía e zonas abertas para favorecer a participación das familias. A planificación inicial sitúa o inicio das obras no primeiro semestre de 2026.