A Deputación da Coruña convoca a segunda edición dos Premios de Turismo para destacar a innovación e a sostenibilidade

A Deputación da Coruña abriu a convocatoria da segunda edición dos seus Premios de Turismo, uns galardóns que buscan recoñecer o traballo de persoas, empresas e entidades que desenvolven a súa actividade no ámbito turístico da provincia e que destacan pola innovación, sostibilidade, calidade ou traxectoria.
Establécense cinco categorías: mellor iniciativa de innovación, calidade e sostibilidade turística; mellor iniciativa de posta en valor da autenticidade do territorio; mellor proxecto de turismo emerxente; mellor proxecto de turismo enogastronómico; e o premio a toda unha vida dedicada ao turismo.
Os premios recoñecerán proxectos que impulsen un turismo responsable, poñan en valor o territorio e a súa identidade, fomenten a economía circular e a gastronomía local, ou conten con traxectorias destacadas dentro do sector.
O prazo para presentar candidaturas permanecerá aberto ata o 12 de novembro e deberá realizarse de forma telemática a través da sede electrónica da Deputación da Coruña (SUBTEL). As bases completas da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 22 de outubro.
Os galardóns, de carácter honorífico e sen dotación económica, entregaranse o 27 de novembro nunha gala organizada polo departamento de Turismo provincial na cidade da Coruña.
