A Deputación da Coruña convoca a III edición dos Premios do Deporte

ACoruñaXa
A iniciativa premiará deportistas e entidades con 15 categorías e culminará cunha Gala do Deporte en 2025
Imaxe recurso deportes
28 Dec 2024

A Deputación da Coruña abriu a convocatoria da terceira edición dos Premios do Deporte, unha iniciativa que ten como obxectivo recoñecer a persoas e entidades que destaquen pola súa traxectoria, logros ou contribución ao fomento da práctica deportiva na provincia.

As candidaturas poderán ser presentadas por calquera persoa física ou xurídica vinculada ao deporte, así como polos propios membros do xurado para consideración do resto. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o 7 de xaneiro de 2025 e rematará o 30 do mesmo mes, ás 14:00 horas. A tramitación deberá realizarse exclusivamente a través da sede electrónica da Deputación.

Establécense 15 categorías de premios, que inclúen recoñecementos aos mellores deportistas masculinos e femininos, veteranos, promesas, adestradores/as, árbitros/as, e entidades destacadas na promoción do deporte de base e inclusivo. Ademais, entregarase o premio “Toda unha vida dedicada ao deporte”, en homenaxe a traxectorias excepcionais. Os galardóns consistirán nun trofeo conmemorativo e un diploma acreditativo, acompañados dunha campaña de promoción nos medios e redes sociais da Deputación.

O xurado estará presidido polo deputado de Deportes, Antonio Leira, e contará coa participación de cinco xornalistas ou personalidades de recoñecido prestixio no ámbito deportivo. Tras as deliberacións, organizarase en 2025 unha Gala do Deporte, onde se entregarán as distincións aos premiados e se celebrará a contribución ao deporte na provincia.

0.15557289123535