A Deputación da Coruña chama a ‘repensar’ os patrimonios marítimos nunhas xornadas na Coruña

A Deputación da Coruña organiza esta semana as xornadas ‘Memoria entre mareas. Unha nova ollada aos patrimonios marítimos da provincia da Coruña’, unha proposta enmarcada nas Aulas Científicas ‘A luz da ciencia’ que reunirá especialistas de diferentes ámbitos para abordar o patrimonio do mar desde unha visión plural e contemporánea.
O encontro desenvolverase os días 6 e 7 de febreiro no salón de actos da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Coruña e afondará tanto nos patrimonios materiais como nos inmateriais, entendidos como espazo de traballo, memoria colectiva, identidade, arquitectura, paisaxe cultural e tamén como fonte de creación. A programación porá o acento no ámbito laboral e na perspectiva de xénero.
Na presentación do evento, o deputado de Patrimonio, Xosé Penas, sinalou que a iniciativa permitirá ‘ampliar a ollada sobre o patrimonio marítimo da provincia desde unha perspectiva plural e contemporánea’, incorporando dimensións que forman parte da identidade colectiva. Tamén subliñou a necesidade de dar visibilidade ás achegas das mulleres, historicamente menos presentes nos relatos arredor do mar.
Pola súa banda, Leo González, responsable de proxectos de Trivium, destacou como ideas clave a interdisciplinariedade e o concepto plural de ‘patrimonios’, con espazo para ámbitos ‘con frecuencia esquecidos’, como o patrimonio sonoro, o coidado e recuperación da arquitectura, a paisaxe patrimonial no audiovisual, o patrimonio subacuático e a reivindicación do traballo marítimo desde unha óptica de igualdade.
A inauguración institucional será o venres 6 ás 10.00 horas e incluirá a conferencia de apertura de Olaia Fontal, directora do Observatorio de Educación Patrimonial en España e catedrática da Universidade de Valladolid, baixo o título ‘Do patrimonio aos patrimonios: narrar, vincular, transformar’.
Ao longo das dúas xornadas abordaranse, entre outros temas, o papel das mulleres nas industrias marítimas galegas dos séculos XIX e XX; a igualdade, o coidado do medio e a divulgación do traballo no mar; o patrimonio subacuático e a memoria dos naufraxios; as paisaxes sonoras e a tradición oral; ou a conservación do patrimonio marítimo desde o compromiso social.
O peche correrá o sábado coa intervención de Quico Cadaval, que empregará palabra, memoria e comunidade como fío condutor para reivindicar o patrimonio inmaterial do mar como un espazo vivo de identidade colectiva.