A Deputación da Coruña celebra o primeiro aniversario do CEI como motor audiovisual da provincia

ACoruñaXa
O maior plató virtual de España cumpre un ano con rodaxes de cinema, moda e programas de radio e prepara a súa ampliación na Cidade das TIC
A CORUÑA cei
15 Feb 2026

A Deputación da Coruña conmemora o primeiro aniversario do CEI (Coruña Estudio Inmersivo), unha infraestrutura estratéxica que, en apenas doce meses, situou á provincia como un dos principais referentes estatais na produción audiovisual virtual.

Desde a súa inauguración oficial o 14 de febreiro de 2025, o maior plató virtual de España acolleu unha intensa actividade, con rodaxes cinematográficas, campañas publicitarias e de moda, programas radiofónicos, encontros profesionais e presentacións corporativas. Esta programación constante consolidou á provincia da Coruña como un territorio competitivo para proxectos de alto nivel, apostando pola innovación tecnolóxica aplicada ao sector audiovisual.

O acto inaugural contou coa presenza do ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López Águeda; do presidente provincial, Valentín González Formoso; do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e da alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, entre outras autoridades.

A proxección do estudo reforzouse en setembro coa súa presentación no marco do Festival Internacional de San Sebastián, así como en citas clave como Iberseries (Madrid) e London Focus 2025. Na actualidade, a xestión do complexo corre a cargo de Pedralonga Estudios, que impulsou unha activa estratexia de promoción e captación de producións.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, salientou que ‘o CEI é unha aposta decidida pola innovación, pola industria cultural galega e pola xeración de emprego cualificado na provincia’. Segundo indicou, este investimento enmárcase nunha estratexia máis ampla de impulso aos sectores emerxentes e á dixitalización, favorecendo a diversificación económica e a creación de novas oportunidades.

De cara a 2026, está prevista a ampliación deste polo audiovisual na Cidade das TIC coa apertura de dous novos platós tradicionais de 2.000 e 2.500 metros cadrados. Esta expansión permitirá incrementar a capacidade operativa do complexo e consolidar a contorna como un auténtico hub audiovisual de referencia no noroeste peninsular.

Coa combinación de tecnoloxía de vangarda, creatividade e versatilidade, o CEI reafírmase como un espazo clave para a produción virtual aplicada ao cinema, á moda e á publicidade, proxectando o talento galego tanto a nivel estatal como internacional.

⚙ Configurar cookies
0.07873010635376