A Deputación da Coruña celebra este xoves a II Gala de Turismo para recoñecer a excelencia do sector

ACoruñaXa
O encontro terá lugar o 27 de novembro no Porto de Oza a partir das 19.00 horas e distinguirá cinco categorías que amosan o potencial turístico da provincia
Premios turismo Deputación Coruña
Imaxe da edición anterior
24 Nov 2025

A Deputación da Coruña ultima os detalles para a celebración da II Gala de Turismo, que se desenvolverá este xoves, 27 de novembro, no Porto de Oza (Marina Varadero da Coruña) desde as 19.00 horas. O evento quere consolidarse como unha cita anual imprescindible na que se recoñece o labor, o talento e a creatividade dun sector clave para a economía e a identidade cultural da provincia.

Durante a presentación da gala, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou que esta iniciativa é unha oportunidade para fortalecer un modelo turístico comprometido co territorio e orientado ao futuro. Segundo sinalou, os avances conseguidos polo sector responden ao esforzo constante de persoas, entidades e proxectos que entenden que o turismo só prospera cando xera beneficios reais para a economía local e contribúe ao benestar da cidadanía.

Regueira insistiu na relevancia de preservar e promover a identidade propia da provincia, un elemento que considera determinante para construír un turismo diferenciador. Apuntou que a autenticidade é a base dunha experiencia atractiva, sustentable e competitiva, afastada de modelos artificiosos e desconectados do territorio.

A II Gala de Turismo recoñecerá proxectos e iniciativas en cinco categorías que reflicten a diversidade e a riqueza do sector turístico coruñés: Mellor iniciativa de innovación, calidade e sostibilidade turística; Mellor iniciativa de posta en valor da autenticidade do territorio; Mellor proxecto de turismo emerxente; Mellor proxecto de turismo enogastronómico; e Toda unha vida dedicada ao turismo, que distingue traxectorias exemplares.

O vicepresidente subliñou que estes premios evidencian que innovación, calidade e sostibilidade poden ir da man coa posta en valor da realidade propia da provincia. Tamén lembrou que o éxito do turismo provincial radica en potenciar aquilo que fai singular ao territorio e en apoiar tanto as propostas emerxentes como os percorridos consolidados ao longo de toda unha vida profesional.

Con esta gala, a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso co turismo como motor económico, social e cultural, promovendo accións que contribúen a un sector máis sólido, cohesionado e preparado para afrontar os desafíos do futuro.

⚙ Configurar cookies
0.072679996490479