A Deputación da Coruña celebra 'Alén do Castelao', unhas xornadas para profesionalizar a Banda Deseñada

A área de Cultura da Deputación da Coruña conmemora os vinte anos do Premio Castelao cun novo formato formativo: as xornadas 'Alén do Castelao', pensadas para afondar na edición e no desenvolvemento de proxectos de banda deseñada e reforzar a profesionalización do sector. A cita celebrarase os días 5 e 6 de novembro na Biblioteca Provincial da Coruña e combinará clases maxistrais con faladoiros abertos ás preguntas do público.
A programación contará con Anabel Colazo, Cristian F. Caruncho, Uxía Larrosa, Paula Mayor, Estudio Gráfico Los Meros, Xulia Pisón e Bernal Prieto, que abordarán dende os fundamentos técnicos para crear unha Banda Deseñada ata a xestión completa dun proxecto, desde a idea inicial ata a súa publicación.
A inscrición é gratuíta, con prazas limitadas a 25 persoas, e xa está dispoñible a través da web. 'Alén do Castelao' enmárcase nas accións coas que a Deputación subliña o legado do Premio Castelao, un certame de referencia en Galicia e no Estado.