A Deputación da Coruña avanza na posta en marcha de Coruña Estudo Inmersivo (CEI)
Este luns reuniuse na sede da Deputación da Coruña a Comisión de estudo político-técnica sobre a xestión económica do novo espazo dixital provincial Coruña Estudio Inmersivo (CEI). Esta comisión está presidida polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e conta con representantes de todos os grupos políticos provinciais; o grupo Provincial do Partido Popular, Grupo Provincial do Partido Socialista, Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego e Grupo Provincial de Alternativa dos Veciños. Tamén conta con representantes do Clúster Audiovisual Galego e de persoal dos servizos provinciais de Intervención, Secretaria Xeral, Servizo de Patrimonio e Contratación, Servizo de Arquitectura e Mantemento e Servizo de Desenvolvemento Territorial e Transición Ecolóxica.
O presidente da Deputación destacou os grandes avances realizados dende a derradeira reunión e subliñou a importancia da implicación de todas as partes que están a colaborar para facer do CEI unha realidade.
Unha aposta de futuro
“Hoxe damos un paso definitivo aprobando o regulamento de usos e os pregos para licitar a xestión do CEI, o maior estudo virtual de España, que será unha realidade a finais deste ano”, afirmou Formoso, que destacou que “a Deputación seguirá realizando unha aposta de futuro firme e decidida para consolidar á provincia da Coruña e a Galicia como un polo de referencia para a industria audiovisual a nivel nacional e internacional”, sostivo.
O presidente indicou que “Galicia está hoxe á vangarda na producción de produtos audiovisuais de calidade e conta con empresas líderes na industria do cine, as series, a televisión ou a animación, pero ten aínda un gran potencial de crecemento que queremos axudar a desenvolver completamente nos vindeiros anos co CEI”, e subliñou que o audiovisual representa hoxe o 28% da industria cultural galega, xera máis de 4.500 empregos, factura 411 millóns de euros e agrupa a 707 empresas na comunidade, o 76% delas na provincia da Coruña.
Cabe destacar a importancia crecente da industria audiovisual e particularmente da produción virtual, cunhas previsións de crecemento do 25% anual nos vindeiros anos. No mundo existen arredor dun centenar de platós VPxR, que rexistran unha alta demanda, mentres que España pasará de 5 a 10 platós virtuais nos vindeiros anos, todos eles de menores dimensións e funcionalidades que o CEI.
A Deputación prevé licitar o contrato de xestión do CEI por un prazo de 20 anos, prorrogables por outros cinco, e valorará, entre outras cuestións, a solvencia económica e financeira, así como a solvencia técnica e profesional das empresas interesadas, o seu compromiso de investimento na infraestrutura e de creación de emprego, entre outras cuestións.
Asimesmo, valorarase a súa contribución do proxecto de xestión do CEI para impulsar o sector audiovisual galego, e os plans de colaboración coa industria e con universidades e centros públicos para formación e investigación.
Durante a reunión desta mañá avanzouse no programa de traballo establecido coa aprobación da Memoria dos aspectos sociais, xurídicos, económicos, financeiros e técnicos para o exercicio da iniciativa pública económica no marco do proxecto Coruña Estudio Inmersivo (CEI), que supuxo a aprobación da seguinte documentación operativa imprescindible para o correcto funcionamento do maior plató virtual de España: o Regulamento de Uso do Centro de Produción Virtual VPxR e os pregos de cláusulas administrativas particulares (PCAP) e de prescricións técnicas (PPT) que rexerán o contrato de concesión de servizos do centro de produción virtual VPxR.
Situar a Galicia como referente no sector audiovisual
Co proxecto Coruña Estudio Inmersivo (CEI), a Deputación da Coruña quere impulsar o sector audiovisual galego, pola súa aportación á economía, á identidade cultural galega e á proxección de Galicia e España no exterior.
O CEI suporá a construción do maior estudo virtual de España, nun edificio de máis de 2.000 m2, dotada dun plató virtual de última xeración de 735,10 m2 , e múltiples servizos adxacentes como camerinos, vestiarios, controis técnicos etc., que o situarán na vangarda internacional neste ámbito, o que permitirá potenciar o nivel competitivo das empresas do audiovisual galego e atraer novas producións audiovisuais e rodaxes á provincia.
O proxecto foi concibido como un espazo especializado na produción virtual, permitindo xerar contidos inmersivos de ficción, realidade virtual e aumentada, contidos de aplicación no ámbito cinematográfico, televisivo, publicitario e de videoxogos, que a súa vez xerarán un produto final de aplicación para sectores como a educación ou o turismo.
Durante a reunión da comisión o persoal técnico da Deputación expuxo a correcta evolución das obras do plató virtual, cuxas obras avanzan a bo ritmo, polo que se prevé que poda estar operativo a finais deste mesmo ano.
A súa construción e posta en marcha é posible grazas a un investimento de máis de 8 millóns de euros, dos que 5 millóns están financiados a través dos fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España- Next Generation EU e arredor de 3 millóns con fondos propios da Deputación da Coruña.