A Deputación da Coruña arroupa as seleccións galegas de balonmán na gala ‘Camiño ao CESA 2026’

ACoruñaXa
O deputado de Deportes, Antonio Leira, puxo en valor o apoio ao deporte base e a ‘aposta decidida’ polo balonmán na provincia antes do Campionato de España, que se xogará en Cataluña do 3 ao 8 de xaneiro
DEPUTACION CORUÑA balonman
29 Dec 2025

A Deputación da Coruña participou na Gala ‘Camiño ao CESA 2026’, o acto oficial de presentación das seleccións galegas de balonmán que representarán a Galicia no Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) 2026. A cita, celebrada no Recinto Feiral de Silleda, reuniu arredor dun milleiro de persoas e serviu para dar a coñecer os combinados infantís, cadetes e xuvenís, tanto masculinos como femininos.

A institución provincial estivo representada polo deputado de Deportes, Antonio Leira, que durante o evento subliñou a importancia de respaldar o deporte base e as iniciativas que promoven a participación, a convivencia e a formación da mocidade. Leira incidiu tamén na ‘aposta decidida’ da Deputación polo balonmán en toda a provincia, cun apoio continuado a través de programas e competicións.

Como exemplo dese impulso, o deputado mencionou a Copa Deputación 5x5 de Balonmán na Rúa, unha proposta que leva este deporte a espazos públicos de vilas e cidades, coa intención de achegalo á cidadanía dun xeito aberto e inclusivo e de fomentar hábitos de vida saudables entre os máis novos.

Leira sinalou que o balonmán transmite valores como o traballo en equipo, o esforzo, o respecto e a superación, e amosou o orgullo da Deputación polo nivel deportivo e humano das seleccións que competirán no CESA 2026, previsto en Cataluña entre o 3 e o 8 de xaneiro de 2026. A gala desenvolveuse baixo o lema ‘O que chama dentro... lévanos lonxe’, como antesala dunha das grandes citas do calendario estatal do balonmán base.

⚙ Configurar cookies
0.084455013275146