A Deputación da Coruña arroupa a XII Exporpymes, que conecta 70 pemes galegas con 60 importadores de 25 países

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, asistiu á inauguración da XII Exporpymes, foro internacional de negocio impulsado pola Cámara de Comercio da Coruña. A cita reúne no Hotel NH Collection Finisterre a 60 importadores de 25 países e a 70 pemes galegas dos sectores da alimentación, bebidas e saúde.
No acto participaron tamén o tenente de alcaldesa e deputado provincial José Manuel Lage Tuñas; o director xeral da Consellería do Mar, Cándido Rial; a directora xeral do Igape, Covadonga Toca; e o presidente cameral, Antonio Couceiro.
Capelán cualificou Exporpymes como 'unha das citas chave para a internacionalización do noso tecido empresarial' e agradeceu á Cámara 'manter vivo un proxecto que lle dá ás pemes unha xanela real ao mundo'. Reivindicou, ademais, a fortaleza de Galicia como potencia agroalimentaria e mariña, distinguida pola calidade, a sustentabilidade e a innovación, e puxo en valor que as empresas galegas “compiten fóra sen renunciar á orixe nin á responsabilidade ambiental”.
A representante provincial subliñou o modelo económico que promove a Deputación da Coruña, baseado nun crecemento con emprego que coida do territorio e das persoas, e sinalou a internacionalización como peza esencial para o equilibrio territorial: “Cada vez que unha pequena empresa abre mercado no exterior, exporta tamén identidade, saber facer e o valor das nosas comarcas”.
Capelán incidiu na importancia da cooperación institucional e empresarial que simboliza Exporpymes, 'un espazo para abrir portas, crear alianzas e reforzar a imaxe de Galicia como territorio innovador, sostible e competitivo'. Pechou a súa intervención recoñecendo o papel da provincia da Coruña como motor económico e agradecendo o esforzo de empresas e administracións: 'As nosas pemes son as mellores embaixadoras. Que esta edición abra novos camiños e consolide o prestixio de Galicia no mundo'.