A Deputación da Coruña aproba o maior orzamento da súa historia, con 256,5 millóns para 2026

A Deputación da Coruña aprobou o 21 de novembro no pleno o Orzamento de 2026, que ascende a 256,5 millóns de euros, a cifra máis elevada da súa traxectoria e un 6,67 % máis que o exercicio anterior. As contas saíron adiante cos votos de PSdeG-PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños, mentres que o PP votou en contra e non apoiou o proxecto económico.
O deputado de Economía e Facenda, José Ramón Rioboo, defendeu que se trata dun orzamento pensado 'para os concellos e para o día a día da veciñanza', que consolida o modelo municipalista posto en marcha en 2015. Subliñou que a institución provincial mantén débeda cero, conserva conxeladas todas as taxas e adianta recursos desde o 1 de xaneiro para facilitar a xestión dos gobernos locais.
O Plan Único (POS+2026) volve situarse como eixo central das contas, cunha partida inicial de 88 millóns de euros. Sumando o resto de liñas de apoio, máis de 110 millóns destinaranse de forma directa aos 93 concellos da provincia, que terán liberdade plena para decidir se empregan estes fondos en obras, servizos, iluminación, limpeza, deporte, cultura ou programas sociais. Como novidade, o documento incorpora as chamadas cláusulas demográficas, que permitirán priorizar que determinados servizos se presten desde concellos con risco de despoboamento sempre que sexa tecnicamente posible, coa intención de manter actividade económica e emprego no rural.
A área de Vías e Obras experimenta un incremento dun 30 % e acada os 31 millóns de euros, o que permitirá mellorar a seguridade viaria, manter os máis de 2.100 quilómetros de estradas provinciais e compensar o encarecemento dos materiais. Rioboo non descartou, ademais, futuras ampliacións de crédito ao longo do ano para seguir investindo na rede viaria.
No ámbito social, o orzamento elévase ata os 35,5 millóns de euros, que se converten na segunda gran prioridade da Deputación. As contas financian preto de 400.000 horas do Servizo de Axuda no Fogar, reforzan programas de envellecemento activo e permiten a contratación de 178 profesionais de servizos sociais municipais. Unha das pezas clave será o desenvolvemento das Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM), un novo modelo de centros de proximidade que comezará a implantarse en As Pontes, Rianxo e Ordes; a primeira, nas Pontes, conta cun investimento reservado de 5,7 millóns de euros.
O Plan de Emprego Local (PEL) disporá en 2026 de 16,3 millóns de euros. Desde a súa posta en marcha en 2016, permitiu mobilizar 166 millóns, apoiar máis de 3.000 pequenas e medianas empresas e impulsar máis de 8.000 postos de traballo en toda a provincia. A Deputación prevé seguir apostando pola dixitalización, a ciberseguridade e sectores de futuro como o audiovisual, a través do proxecto Coruña Estudio Inmersivo.
As contas tamén incrementan os recursos destinados a cultura e lingua, deporte e mocidade, incluíndo un novo programa de estadías no estranxeiro para alumnado de Bacharelato. No eido das emerxencias, resérvanse máis de 10 millóns de euros para os Grupos de Emerxencias Supramunicipais, protección civil e prevención, e prevese a incorporación de 80 novos bombeiros aos parques comarcais ao longo de 2026.
No debate plenario, a portavoz do BNG, Avia Veira, destacou que o documento 'aposta por financiar axeitadamente aos concellos, que cada vez teñen máis necesidades', e puxo en valor as políticas turísticas, culturais e de defensa da lingua e do patrimonio. Desde Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane reclamou seguir medrando no investimento en Vías e Obras, lembrando que aínda existen moitas estradas estreitas e antigas na rede provincial.
Pola súa banda, o portavoz do PP, Evaristo Ben, criticou o carácter continuísta do orzamento e pediu plans específicos para financiar actuacións de saneamento e abastecemento de auga. O presidente provincial, Valentín González Formoso, replicou que este tipo de obras xa poden incluírse no Plan Único, lembrando que, cando gobernaba o PP, os concellos recibían 57 millóns de euros entre o antigo POS e o DTC, fronte aos 138 millóns que perciben hoxe mediante o plan provincial. Tamén subliñou que a cidadanía xa paga un canon da auga a Augas de Galicia precisamente para mellorar estas infraestruturas, citando como exemplo o que achegaron Abegondo (880.000 euros), Aranga (106.000 euros) ou Bergondo (1,5 millóns de euros), entre outros municipios.
Para pechar o debate, Rioboo definiu as contas de 2026 como 'municipalistas, equilibradas, ambiciosas e humanas', e insistiu en que a Deputación da Coruña é, hoxe, a administración que máis recursos destina directamente aos concellos, unha mensaxe de especial relevancia para os municipios das Mariñas e do interior coruñés, que volverán apoiar boa parte dos seus investimentos nos fondos provinciais.