A Deputación da Coruña aposta no III Foro Urbano de España por un futuro que reequilibre o urbano e o rural

ACoruñaXa
Valentín González Formoso defende políticas de vivenda, emprego e mobilidade para garantir cohesión territorial e servizos en toda a provincia
A CORUÑA iii foro urbano
22 Oct 2025

A Coruña acolleu a inauguración do III Foro Urbano de España, organizado polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana xunto co Concello da Coruña. No acto, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou a necesidade de avanzar cara a un modelo de desenvolvemento baseado no equilibrio territorial, no que as políticas urbanas e rurais ‘camiñen da man’ para asegurar oportunidades en todo o mapa provincial.

Formoso lembrou que 85 dos 93 concellos da provincia son vilas medianas e pequenas e que ‘o desenvolvemento sostible non é posible sen cohesión territorial’. Entre os retos marcados polo presidente figuran vivenda, mobilidade sostible, medio ambiente e transformación dixital. Defendeu que a vivenda ‘non pode ser un luxo’, e sinalou o rural como parte da solución habitacional se se reforzan comunicacións, transporte público e servizos básicos como escolas e centros de saúde.

No apartado económico, puxo en valor o Plan de Emprego Local (PEL), co que a institución provincial facilitou máis de oito mil postos de traballo e apoiou 260 iniciativas emprendedoras, moitas delas vencelladas aos 11 espazos de coworking da rede provincial. Tamén destacou o Plan Único (POS+), ao que cualificou como ‘o maior plan de cooperación municipal de Galicia’, con máis de 4.600 obras financiadas e 834 millóns de euros mobilizados na última década para mellorar servizos e infraestruturas.

Formoso concluíu reivindicando a provincia da Coruña como motor económico, social e cultural de Galicia, e como referente en sostibilidade, equidade e cohesión territorial. Agradeceu a organización do encontro e expresou o desexo de que do foro ‘xurdan ideas e boas prácticas’ que fortalezcan a colaboración entre administracións e axentes locais.

⚙ Configurar cookies
0.07086181640625