A Deputación da Coruña apoia o Ciclo Mestre Mateo 2025 cunha achega de 13.170 euros

ACoruñaXa
A institución provincial vén de asinar un convenio coa Academia Galega do Audiovisual pola que financia máis do 70 % do ciclo
dep-coruña-ciclo-mestre-mateo
5 Dec 2025

A Deputación da Coruña destina unha subvención nominativa de 13.170 euros á Asociación Academia Galega do Audiovisual para cofinanciar o Ciclo Mestre Mateo 2025, un programa que leva ás pantallas de toda Galicia as longametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo. Esta achega provincial representa máis do 70 % do orzamento total de 17.970 euros, o que permitirá desenvolver unha programación ampla ao longo de 2025.

O convenio de colaboración entre a Deputación e a Academia Galega do Audiovisual foi asinado hoxe entre a deputada de Cultura, Natividade González e a presidenta da academia, Lucía Veiga.

Natividade González destacou que “a cultura non só representa un valor identitario e social, senón tamén un sector produtivo capaz de xerar emprego, atraer público, activar a economía local e fortalecer o sentimento de comunidade”. Engadiu que “o apoio ao audiovisual galego, un sector en pleno auxe e recoñecido tanto dentro como fóra do país, é unha das liñas estratéxicas deste compromiso”.

A Academia Galega do Audiovisual, creada en 2002 e formada por profesionais de todo o sector, desempeña un papel fundamental na promoción do talento galego. Entre as súas iniciativas destacan os Premios Mestre Mateo e o Ciclo Mestre Mateo, que achega ao público obras recentes cun alto nivel artístico e técnico.

A edición de 2025 inclúe longametraxes de ficción como ‘As Neves’, ‘+Cuñados’, ‘Xustiza artificial’ e ‘Honeymoon’, así como documentais como ‘Aurora’, ‘Filmei paxaros voando’, ‘Prefiro condenarme’ e ‘Salvaxe, salvaxe’. O obxectivo do ciclo é facilitar o acceso da cidadanía a producións galegas de calidade e ampliar a súa difusión máis aló dos circuítos comerciais habituais.

A deputada destacou tamén a intención do goberno provincial de “acompañar proxectos transformadores que consolidan a cultura como un ben público esencial” e asegurou que “o respaldo ao Ciclo Mestre Mateo contribúe a espallar o mellor cinema galego, favorecer a diversidade cultural, fortalecer os sectores creativos e achegar á veciñanza historias feitas desde Galiza e para Galiza”.

 

⚙ Configurar cookies
0.087419033050537