A Deputación da Coruña apoia manter a rotonda de Ledoño como medida de seguridade viaria

A Deputación da Coruña manifestou hoxe o seu apoio ás demandas da veciñanza de Ledoño para manter a rotonda situada no cruce da estrada AC-523 coa DP-3102, ao seu paso por Culleredo.
Integrantes da Plataforma Veciñal Salvemos a Rotonda Ledoño–Rumbo foron recibidos no salón de plenos da Deputación polo vicepresidente, Xosé Regueira, e polo deputado provincial e alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo. Durante o encontro, trasladáronse as preocupacións da veciñanza e o respaldo da institución provincial ás súas reivindicacións.
“A Deputación comparte a preocupación da veciñanza e apoiamos o acordo unánime tomado polo pleno do Concello de Culleredo para manter a rotonda, que non só ordena o tráfico, senón que reduce a velocidade nun treito con historial de accidentes graves”, destacou Regueira.
Pola súa banda, Rioboo subliñou que “as administracións debemos escoitar á veciñanza e actuar con sentido común. Se existe consenso social, institucional e técnico sobre a necesidade desta rotonda, hai que garantir que siga operativa e promover melloras adicionais de seguridade vial”.
Os representantes veciñais agradeceron o apoio da Deputación e insistiron en que manter a rotonda é fundamental para evitar situacións de risco e accidentes graves no futuro.
A rotonda de Ledoño, no cruce da AC-523 coa estrada de Rumbo, xerou debate nas últimas semanas. A proposta da Xunta para suprimila motivou mobilización veciñal e o respaldo unánime do pleno de Culleredo, que considera a infraestrutura clave para a seguridade viaria e a disuasión do exceso de velocidade.