A Deputación da Coruña apoia a creación da Compañía Teatral Galega de Bos Aires para estrear en Arxentina 'O Heroe' de Manuel Rivas

ACoruñaXa
A institución provincial achega 42.352 euros nun proxecto coa Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina para impulsar a lingua e a cultura galegas na diáspora
DEPU CORUÑA o héroe
12 Jan 2026

A Deputación da Coruña vén de pechar un acordo coa Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (FAGRA) para poñer en marcha a Compañía Teatral Galega de Bos Aires e levar por primeira vez a escena arxentina a obra 'O Heroe', do escritor coruñés Manuel Rivas. O convenio foi asinado na Coruña polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o presidente da federación, Luis Cipriano Fernández.

A institución provincial contribuirá con 42.352 euros, unha achega que supón o 80 % do orzamento total, co obxectivo de promover a difusión da cultura galega e da lingua, ao tempo que se reforzan os vínculos coa colectividade galega en América. A obra, ademais, conta coa cesión dos dereitos por parte do propio autor para a súa representación.

'O Heroe' é a primeira peza teatral de Rivas e afonda nunha reflexión sobre a guerra e o concepto de heroísmo, situada no contexto da guerra de Sidi Ifni, un conflito que durante o franquismo foi pouco recoñecido e quedou silenciado. A historia céntrase en Arturo Piñeiro, tamén coñecido como Robinson ou Caronte, ex boxeador e ex lexionario que rexenta un bar portuario na Coruña onde hai combates e soa música de fado. De volta do conflito coa idea de recibir un recoñecemento público, atópase coa indiferenza e o descoñecemento social, o que o leva a confrontar memoria e realidade e a cuestionar a identidade, o poder e o absurdo de fabricar inimigos.

A creación desta compañía en Bos Aires preséntase tamén como unha reivindicación cultural e de memoria histórica, recuperando o fío de referentes como Castelao, Varela Buxán, Maruxa Villanueva, María Casares ou Pepa Goldar, e procurando achegar o teatro galego tanto á comunidade galega como ao público xeral.

O proxecto contempla transformar a obra nun espectáculo musical, con composicións orixinais a cargo dos músicos da compañía e interpretación en directo da OFAG (Orquestra da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina). Nos meses previos á estrea, prevista ao longo de 2026, desenvolveranse a adaptación dramática do texto, os arranxos musicais, o deseño de escenografía, iluminación e vestiario, así como os castings e os ensaios dun elenco integrado por actores, músicos, bailaríns e especialistas de distintas disciplinas.

Antes de levantar o pano, organizarase unha campaña de difusión con presenza en medios, roldas de prensa e actividades de promoción cultural. A función estrearase nun teatro do circuíto porteño e, segundo o previsto, contará coa asistencia do propio Manuel Rivas e do presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

⚙ Configurar cookies
0.089235067367554