A Deputación da Coruña analizará os retos das mulleres migrantes nunha xornada polo 8M

ACoruñaXa
O evento, que terá lugar o 7 de marzo no Circo de Artesáns, abordará as múltiples barreiras que enfrontan no seu proceso de integración
8m-deputacion-coruna-2025
2 Mar 2025

A Deputación da Coruña conmemorará o Día da Muller deste 2025 cunha xornada centrada nos "Retos e Resistencias das Mulleres Migrantes", que se celebrará o 7 de marzo no Circo de Artesáns da Coruña. O encontro desenvolverase entre as 9:15 e as 14:00 horas e estará aberto ao público mediante inscrición previa. O obxectivo é poñer en valor as dificultades ás que se enfrontan estas mulleres na súa integración social, laboral e cultural, así como no acceso pleno aos seus dereitos.

“As mulleres migrantes sofren múltiples discriminacións non só polo feito de ser mulleres, senón tamén pola súa condición de migrantes. Dous factores que agravan unha brecha que aínda hoxe segue a ser infranqueable”, destacou a deputada de Igualdade, Soledad Agra. Engadiu ademais que a precariedade laboral, as dificultades para acceder a unha vivenda digna e a tripla discriminación por xénero, orixe e situación administrativa irregular aumentan a súa vulnerabilidade. “Estas mulleres son vítimas dunha discriminación transversal que combina factores de xénero, orixe e situación socioeconómica”, subliñou.

A área de Igualdade da Deputación aposta por converter esta xornada nun espazo de reflexión e diálogo sobre as experiencias, os desafíos e as estratexias de resistencia das mulleres migrantes na sociedade actual. O evento reunirá activistas, expertas, representantes da comunidade migrante e público en xeral, co obxectivo de compartir testemuños e propostas sobre as políticas necesarias para garantir a súa inclusión e benestar.

O encontro estará facilitado pola entidade sen ánimo de lucro Yarama Africa, coñecida polo seu labor en proxectos sociais e culturais con perspectiva feminista, antirracista e de compromiso social. A xornada pecharase cun monólogo antirracista e afrofeminista a cargo de Asaari Bibang.

“Desde esta administración queremos abordar todas as problemáticas que sufrimos as mulleres, moitas delas profundamente agravadas pola situación socioeconómica”, explicou a deputada Soledad Agra. Tamén puxo en valor a contribución das mulleres migrantes, tanto a nivel económico como cultural. “O seu papel é esencial na sociedade, pero os seus esforzos e loitas adoitan quedar invisibilizados”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.16168403625488