A Deputación da Coruña amplía o operativo de bombeiros en Ourense ante a vaga de incendios

A Deputación da Coruña reforza o operativo do Consorcio Provincial Contraincendios despregado en Ourense ante a grave vaga de incendios forestais que afecta a esta provincia, onde continúan activos sete lumes e arderon máis de 67.000 hectáreas.
Dende hoxe, o dispositivo pasa de 12 a 16 bombeiros, organizados en dúas dotacións de 8 profesionais cada unha. Esta ampliación permitirá mellorar a capacidade de resposta, cubrir mellor as zonas afectadas e garantir o funcionamento durante as 24 horas con quendas rotatorias.
As dotacións manteñen dous camións nodrizas e dous vehículos de mando, asegurando unha intervención rápida e efectiva, especialmente nos focos máis perigosos e próximos a núcleos de poboación.
O presidente da Deputación e do Consorcio, Valentín González Formoso, sinalou que este reforzo busca “adaptar os medios humanos á magnitude da emerxencia e apoiar aos equipos locais que afrontan unha situación moi complicada”. Formoso agradeceu tamén o compromiso dos bombeiros da provincia, destacando a súa profesionalidade e entrega nun traballo conxunto que salva vidas, protexe vivendas e frea o avance do lume.
O operativo permanece totalmente coordinado coa Xunta de Galicia e co resto de corpos de emerxencia, incluíndo axentes forestais, protección civil e voluntariado, coa intención de manter a máxima eficacia na extinción e na prevención de novos focos.
A Deputación continuará mantendo este dispositivo reforzado todo o tempo que sexa necesario, en constante contacto coas autoridades autonómicas e estatais.