A Deputación da Coruña alerta no 25N dos discursos que disfrazan o machismo como liberdade persoal

ACoruñaXa
Valentín González Formoso subliña que o lema ‘De fronte’ expresa a única postura posible ante a violencia contra as mulleres
deputacion 25n
25 Nov 2025

A Deputación da Coruña celebrou hoxe o acto institucional do 25N cunha mensaxe clara: a violencia machista non admite maquillaxes nin xustificacións. A institución centrou o acto nos novos discursos que, baixo a aparencia de libre elección ou estilo de vida, reproducen roles de xénero tradicionais e alimentan a desigualdade, especialmente entre a mocidade. Entre estes fenómenos destacou movementos como as tradwives, a estética coquette, a manosfera ou o uso da intelixencia artificial para difundir contidos misóxinos.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou que desde que existen estatísticas oficiais, 1.333 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas, 38 delas no que vai de ano. Destacou que estas cifras ‘non admiten matices nin equidistancias’ e obrigan a mirar a realidade con firmeza. O lema escollido pola institución este ano, ‘De fronte’, resume —indicou— a única postura posible ante a violencia machista: confrontación directa cos maltratadores, cos discursos negacionistas e co recorte de dereitos.

Formoso fixo fincapé no labor da Deputación, que nos últimos dez anos incrementou máis dun 100% o orzamento destinado a Igualdade. Citou accións como a incorporación de cláusulas de perspectiva de xénero na contratación pública, o impulso das competicións deportivas femininas e o traballo das Casas de Acollida da Coruña e Ferrol. Ademais, destacou programas educativos como Suprime e Control, fundamentais nun contexto no que o 30% das denuncias por violencia machista proceden de mulleres menores de 30 anos e unha de cada catro mozas recoñece sufrir control por parte das súas parellas.

Pola súa parte, a deputada de Igualdade, Soledad Agra, advertiu do avance de discursos que pretenden ‘disfrazar o machismo como elección ou estilo de vida’. Sinalou o impacto crecente das redes sociais na difusión de contidos que normalizan a desigualdade, exercen presión estética e favorecen o control e a manipulación sobre as máis novas. Agra apelou a reforzar a educación en igualdade, promover pensamento crítico e garantir que as políticas públicas feministas dispoñan dos recursos necesarios para combater estas narrativas.

O acto incluíu unha lectura coral do manifesto do 25N, realizada por representantes dos tres grupos da corporación provincial, e contou cunha intervención artística da poeta e performer Lucía Aldao, que tamén puxo o broche final ao evento.

A campaña deste ano dá especial protagonismo á mocidade. Inclúe unha xornada dedicada ás novas violencias e un circuíto de obradoiros interxeracionais en dez concellos da provincia, así como a edición de unidades didácticas para adolescentes e persoas adultas. Ademais, difundiranse materiais gráficos e audiovisuais a través da web defronte.gal para ofrecer ferramentas que axuden a identificar e combater estas formas de violencia.

⚙ Configurar cookies
0.076472997665405