A Deputación da Coruña albergou a presentación do proxecto 'Do mar e da terra'
A deputada provincial de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, destacou “o valor de difundir entre a mocidade os exemplos de innovación, calidade, éxito e compromiso co rural que existen na provincia da Coruña e a importancia de fomentar entre a mocidade as posibilidades de futuro que ofrecen para o emprendemento os sectores mariñeiro e agrogandeiro”.
Foi durante a presentación do proxecto 'Do mar e da terra', que se presentou na sede da Deputación da Coruña. “O emprendemento no mundo do mar e do agro é clave para impulsar e diversificar a economía local e fortalecer o tecido social, garantindo o futuro das mozas e mozos no rural da provincia da Coruña”, afirmou Capelán.
“Para a Deputación da Coruña é estratéxico contribuír a poñer en valor o rural e os seus recursos, como forma de combater o despoboamento e favorecer a igualdade de oportunidades no territorio”, subliñou a responsable provincial de Mar e Medio Rural.
“Moitas das mozas e mozos que agora están en escolas e institutos serán actores clave do noso futuro compartido e queremos acompañalos na reflexión sobre a idea de que poden construír ese futuro desde o seu contorno máis próximo”, subliñou.
#DoMaredaTerra destaca o exemplo de produtores da provincia da Coruña que demostraron o éxito dos seus proxectos, algúns deles dando o paso para transformar tamén o seu produto de calidade ou establecer sinerxias con outros emprendedores.
#DoMaredaTerra salienta tamén factores chave como a importancia crecente dos criterios de sustentabilidade neste camiño de emprendemento ou o decisivo protagonismo da muller neste compromiso na procura de oportunidades para o futuro do rural. “A importancia dos nosos sectores produtivos primarios como vertebradores e fortalecedores do noso tecido social e económico queda reflectido nesta iniciativa #DoMaredaTerra”, afirmou Cristina Capelán.