A Deputación da Coruña activa para 2026 as Residencias Artísticas de Mariñán e a novena edición do premio musical 'Quero Cantar'

ACoruñaXa
As bases publícanse no BOP e consolidan a aposta provincial pola creación musical e polos procesos artísticos en galego, con apoio económico, formativo e estadías de traballo no Pazo de Mariñán
DEPUTACION quero cantar
12 Dec 2025

A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia as bases de dúas das súas principais apostas culturais para o ano 2026: a novena edición do premio de música infantil e xuvenil 'Quero Cantar' e o programa de Residencias Artísticas Mariñán. Trátase de dúas convocatorias que dan continuidade a un calendario de apoios á creación que xa avanzara a pasada semana, coa difusión no BOP das bases dos premios Luis Seoane de deseño, Luís Ksado de creación fotográfica e Jesús Núñez de arte gráfica.

O certame 'Quero Cantar' consolídase como unha das ferramentas máis destacadas da Deputación para incentivar o uso do galego e estimular a creatividade musical e poética entre a xente máis nova. A convocatoria estrutúrase en dúas categorías, infantil e xuvenil, aberta tanto a solistas como a grupos de até doce compoñentes que presenten un tema orixinal e inédito en lingua galega, con letra e música elaboradas pola propia rapazada. As maquetas poderán remitirse a través da plataforma SUBTEL desde as 08.00 horas do 1 de xaneiro de 2026 ata as 14.00 horas do 25 de marzo.

A dotación do premio inclúe a gravación profesional das obras gañadoras, a produción de videoclips, material musical e produtos culturais en galego, cunha contía que pode chegar a 1.500 euros para os primeiros postos, ademais dun programa formativo específico para a proposta vencedora na categoría xuvenil. Tras unha primeira fase de avaliación técnica, os proxectos seleccionados como finalistas defenderán as súas cancións nunha gala no Teatro Colón da Coruña, na que un xurado composto por alumnado de primaria e ESO decidirá o palmarés definitivo.

Pola súa parte, as Residencias Artísticas Mariñán 2026 reforzan o apoio da institución provincial aos procesos creativos, mediante a selección de dezaseis proxectos que desenvolverán estadías de traballo no Pazo de Mariñán. As áreas de creación que se contemplan son música, literatura e pensamento, así como a elaboración de contidos socioculturais para redes sociais. A convocatoria está dirixida a persoas maiores de 18 anos, con residencia en Galicia e cun compromiso explícito co galego como lingua de traballo e comunicación.

O programa persegue favorecer a profesionalización, impulsar a innovación e crear redes con outros axentes culturais, ao tempo que ofrece espazos de acompañamento, formación e intercambio de experiencias. As residencias desenvolveranse entre o 13 e o 24 de abril e inclúen aloxamento, espazos específicos de traballo e seguimento especializado. No caso das modalidades de música e contidos dixitais, prevese unha achega económica adicional para facer fronte a necesidades técnicas das propostas. As solicitudes deberán presentarse de forma telemática mediante a plataforma SUBTEL entre as 08.00 horas do 1 de xaneiro de 2026 e as 14.00 horas do 16 de febreiro.

Con estas convocatorias, a Deputación da Coruña consolida unha liña de apoio continuado á creación artística, literaria, musical e dixital, con especial atención á profesionalización do sector, á experimentación e á promoción da lingua galega en todas as fases do proceso creativo.

⚙ Configurar cookies
0.082765102386475