A Deputación da Coruña activa as axudas PEL 2026 con 8,6 millóns para impulsar o emprego e apoiar ás persoas autónomas

ACoruñaXa
A convocatoria incorpora por primeira vez subvencións para o alugueiro de locais comerciais, oficinas e naves, e mantén as liñas destinadas á contratación, investimentos e cotas á Seguridade Social
DEPUTACIÓN Valentin Formoso
15 Nov 2025

A Deputación da Coruña abrirá o 15 de novembro, ás 9.00 horas, o prazo para solicitar as axudas do Plan de Emprego Local (PEL 2026), unha nova edición dotada con 8.660.000 euros e destinada a apoiar a creación e o mantemento de emprego, a incorporación de investimentos e a cubrir gastos vinculados á actividade das persoas autónomas. As solicitudes deberán tramitarse exclusivamente de maneira telemática a través da plataforma SUBTeL e o prazo permanecerá aberto ata o 16 de decembro ás 14.00 horas.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou que estas axudas, cun importe que oscila entre os 1.000 e os 48.900 euros por persoa ou empresa beneficiaria, permitirán continuar xerando oportunidades laborais e fortalecendo pequenos negocios, especialmente no rural. Ademais, lembrou que se priorizarán aquelas empresas e profesionais que non recibisen apoio en convocatorias anteriores.

Da contía total, 4,7 millóns destinaranse á creación e mantemento de emprego, 2,76 millóns financiarán investimentos en negocios de recente implantación e 1,2 millóns corresponderán á liña PEL-Autónomos/as.

A grande novidade desta edición é a incorporación de subvencións para o alugueiro de baixos comerciais, oficinas, naves ou centros de traballo das persoas traballadoras autónomas. Esta axuda, incluída na liña PEL-Autónomos/as, variará entre 200 e 500 euros ao mes, cun máximo anual de 6.000 euros, e manterá tamén a cobertura das cotas á Seguridade Social. Poderán beneficiarse autónomos con domicilio fiscal e, se procede, centro de traballo en concellos con menos de 10.000 habitantes.

Co obxectivo de informar con detalle sobre o programa, o xoves 20 de novembro ás 12.00 horas celebrarase unha sesión informativa no coworking do Pazo de Arenaza, que poderá seguirse tanto presencialmente como en liña. O persoal técnico realizará unha explicación completa do funcionamento das axudas e unha simulación práctica dunha solicitude a través de SUBTeL.

As diferentes liñas do PEL son compatibles entre si, polo que unha persoa autónoma dun concello de menos de 10.000 habitantes poderá acumular ata 48.900 euros se cumpre os requisitos de cada modalidade (PEL-Emprende Investimento, PEL-Autónomos/as, PEL-Pemes Creación e Ampliación e PEL-Pemes Mantemento).

A liña PEL-Pemes Creación e Ampliación contará cun orzamento de 3,5 millóns de euros e permitirá subvencionar ata o 60% dos custos salariais dunha nova contratación, cun máximo de 12.000 euros para contratos a xornada completa de ata doce meses durante 2026. Pola súa parte, a liña PEL-Pemes Mantemento disporá de 1,2 millóns para apoiar contratos indefinidos creados ao abeiro das axudas de 2025, cun máximo de 11.000 euros para colectivos vulnerables e 10.000 euros para o resto.

A liña PEL-Emprende Investimento, con 2.760.000 euros, diríxese a autónomos, pemes e microempresas situadas en concellos de menos de 10.000 habitantes e cubrirá ata o 70% dos investimentos en maquinaria, mobiliario, equipos informáticos ou aplicacións tecnolóxicas, cun máximo de 17.500 euros. Todo o material subvencionado deberá ser novo.

O Plan de Emprego Local consolidouse como unha das principais ferramentas de dinamización económica da Deputación da Coruña. Entre 2016 e 2025 mobilizáronse máis de 127 millóns de euros, xerando 8.131 empregos e reforzando a cohesión territorial e o tecido empresarial, especialmente no medio rural.

⚙ Configurar cookies
0.072314023971558