A Deputación da Coruña achega máis de 120.000 euros para manter a casa de acollida e dous pisos para vítimas de violencia de xénero na cidade

ACoruñaXa
O convenio, asinado por Valentín González Formoso e Inés Rey, cobre o 24 % do custo anual e reforza a Rede Galega de Acollemento con atención social, xurídica e psicolóxica
A CORUÑA deputacion casa acogida
7 Nov 2025

A Deputación da Coruña e o Concello da Coruña formalizaron un convenio de colaboración para cofinanciar o mantemento da casa de acollida e dous pisos de inclusión e tránsito á vida autónoma dirixidos a mulleres vítimas de violencia de xénero na cidade. O acordo, rubricado na sede provincial polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa, Inés Rey, conta tamén co aval da deputada de Política Social, Mar García Vidal.

Segundo explicou a institución provincial, a achega da Deputación supera os 120.000 euros e supón o 24 % do custo anual de funcionamento destes recursos, integrados na Rede Galega de Acollemento. O servizo ofrece atención integral ás mulleres e ás súas fillas e fillos, garantindo un espazo seguro e estable, con acompañamento social, xurídico e psicolóxico.

O apoio económico permitirá afrontar gastos de persoal e de funcionamento, así como a compra de produtos alimentarios e farmacéuticos, roupa e axudas ao transporte, entre outros conceptos. Formoso salientou que a Deputación financia na actualidade as casas de acollida de Ferrol, Culleredo e A Coruña, que suman 48 prazas: 26 na Coruña (15 na casa e 11 nos pisos), 15 en Ferrol e 7 en Culleredo. 'A rede provincial de casas de acollida é esencial para protexer un colectivo especialmente vulnerable e para abrir novas oportunidades a quen atravesa momentos moi difíciles. Como administración, debemos garantir todos os recursos para que poidan reconstruír a súa vida con dignidade', afirmou.

Pola súa banda, Inés Rey subliñou a necesidade de manter a unidade institucional e social fronte á violencia machista: 'É imprescindible soster unha posición común da cidade contra esta eiva, manter fóra do noso consenso básico o negacionismo e trazar liñas hixiénicas fronte ao machismo organizado', dixo, lembrando os oito minutos de silencio gardados no último pleno municipal en memoria das oito mulleres asasinadas en España no último mes.

0.16543102264404