A Deputación da Coruña achega 90.000 euros para apoiar a Tempada Lírica 2025 de Amigos da Ópera

A Deputación da Coruña aprobou a concesión dunha subvención de 90.000 euros á Asociación Amigos da Ópera da Coruña para contribuír ao financiamento da Tempada Lírica 2025. O acordo formalizouse nun acto celebrado na Coruña este 23 de decembro de 2025, coa sinatura do presidente provincial, Valentín González Formoso, e do vicepresidente da entidade, José María Paz Gago. Na sinatura estivo tamén o vogal José Luis Méndez Romeu.
A programación principal da tempada tivo como eixo a representación da ópera 'Carmen', de Georges Bizet, unha das pezas máis recoñecibles do repertorio lírico. A obra presentouse subliñando a súa vixencia, ao abordar cuestións como a liberdade individual, a violencia contra as mulleres e a responsabilidade colectiva fronte ás desigualdades, nunha proposta que convida á reflexión social e reforza o papel da arte como ferramenta de conciencia crítica, diálogo e transformación.
A montaxe de 'Carmen' congregou máis de 3.200 persoas, completando o aforo do Pazo da Ópera da Coruña nas dúas funcións programadas. A súa produción implicou a coordinación de preto de 200 profesionais, entre intérpretes, músicos da Orquestra Sinfónica de Galicia e persoal técnico e artístico (maquillaxe e vestiario, entre outros).
Xunto ás funcións, a Tempada Lírica incluíu actividades paralelas, como a conferencia 'Carmen' impartida por Irene de Juan, coa que se buscou contextualizar a obra e fomentar a participación e o pensamento crítico do público.
Durante o acto, González Formoso reiterou o “compromiso da Deputación coa cultura”, destacando a importancia de facilitar unha programación de calidade e con mirada social. Tamén puxo en valor o nivel artístico de Amigos da Ópera da Coruña, unha entidade cun prestixio recoñecido no ámbito estatal e avalada, entre outros, polo Premio de Honra da Lírica Española recibido en 2018.