A Deputación da Coruña achega 40.000 euros para os cursos da UIMP en Galicia en 2025

ACoruñaXa
A programación para 2025 inclúe máis de 15 propostas formativas que abranguen unha ampla diversidade de disciplinas
convenio-natividade
4 Aug 2025

A Deputación da Coruña reforza a súa aposta pola educación e a cultura cun novo convenio de colaboración coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), mediante o cal destinará 40.000 euros para cofinanciar a programación formativa da sede galega durante o ano 2025. A deputada de Cultura, Natividad González, e a representante da UIMP, María Jesús Lorenzo, formalizaron o acordo.

A achega provincial, incluída no Plan Estratéxico de Subvencións 2025-2027, cubrirá o 57,55 % dun orzamento total de 69.500 euros e permitirá facer fronte a gastos como honorarios de profesorado, desprazamentos, aloxamento, medios técnicos e difusión das actividades.

“A través deste convenio reforzamos o compromiso da Deputación co fomento da educación e a cultura na provincia, mantendo unha colaboración estable desde hai anos e que achega formación de máxima calidade aos galegos e galegas”, destacou González.

Máis de 15 cursos en diferentes ámbitos

A programación para 2025 inclúe máis de 15 propostas formativas que abranguen unha ampla diversidade de disciplinas: medicina, psicoloxía, historia, cinema, matemáticas, enoloxía, arqueoloxía, literatura ou biodiversidade, entre outras.

Entre os cursos previstos destacan:

  • Actualización en asma bronquial, dirixido por Luis Domínguez Juncal (maio)
  • O viño como cultura: patrimonio, turismo e xénero, por Cristina Alcalá (maio)
  • Divulgación da ciencia, a cargo de Moisés Canle, catedrático da UDC (xuño-xullo)
  • Curso especializado para a avaliación e intervención en violencia de xénero (xullo)
  • Santa María – Música en tempos de Alfonso X El Sabio (agosto)
  •  Memoria mergullada: arqueoloxía, patrimonio e turismo baixo o mar (setembro)

As actividades desenvolveranse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025 en diferentes sedes da provincia, como A Coruña, Santiago de Compostela, Ribeira e o Pazo de Mariñán.

Unha colaboración que vén de lonxe

A relación entre a Deputación da Coruña e a UIMP remóntase ao convenio fundacional asinado o 10 de xullo de 1982. Desde entón, a institución provincial vén apoiando economicamente e de forma estable as actividades docentes e culturais da universidade no territorio galego.

⚙ Configurar cookies
0.20107197761536