A Deputación da Coruña achega 40.000 euros para consolidar a Festa do Pan de Carral como referente gastronómico da provincia

A Deputación da Coruña reforza o seu apoio á promoción dos produtos locais cunha achega próxima aos 40.000 euros ao Concello de Carral para a organización da XXI Festa do Pan, a gran cita gastronómica do municipio.
Segundo o convenio recentemente asinado entre o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, a institución provincial asumiu arredor do 80% dos gastos de organización desta edición. A partida destinouse á contratación de persoal, animación e espectáculos, loxística e difusión do evento.
A Festa do Pan de Carral, celebrada no mes de maio, volveu converter o municipio nun punto de encontro arredor dun dos seus sinais de identidade: o seu pan tradicional. Durante a xornada repartíronse máis de 6.000 bocadillos considerados cardiosaudables, promovendo ao mesmo tempo hábitos de alimentación equilibrada.
Ademais da degustación, o programa incluíu propostas para todos os públicos: obradoiros infantís, actuacións musicais, unha feira de ambientación medieval, exhibicións e outras actividades culturais e de lecer que encheron as rúas de Carral.
Regueira destacou que se trata 'dun evento que xunta a toda a veciñanza de Carral e que representa un sentimento de pertenza', e subliñou o compromiso da Deputación coa continuidade da festa. O vicepresidente provincial incidiu tamén na importancia desta celebración como motor turístico e como escaparate dun produto emblemático da comarca.
Desde a Deputación salientan que esta colaboración co Concello de Carral forma parte da aposta por apoiar aos municipios na conservación das tradicións propias e na defensa da diversidade gastronómica da provincia da Coruña.