A Deputación da Coruña achega 100.000 euros ao programa de COGAMI para impulsar a inclusión laboral das persoas con discapacidade

ACoruñaXa
O convenio cofinancia o servizo de intermediación laboral, que en 2025 xa facilitou a inserción de 698 persoas e a formalización de 912 contratos
DEPUTACION cogami
18 Dec 2025

A Deputación da Coruña e COGAMI renovaron a súa colaboración para reforzar o acceso ao emprego das persoas con discapacidade a través dun servizo especializado de intermediación laboral. O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, asinaron un convenio polo que a institución provincial aporta 100.000 euros para o desenvolvemento do proxecto.

A achega supón o 21,33% dun orzamento total de 468.768 euros e destinarase a accións orientadas a mellorar a empregabilidade dun colectivo que, segundo recollen os informes anuais do SEPE, continúa a atopar especiais dificultades para acceder ao mercado laboral.

O programa inclúe entrevistas ocupacionais individualizadas, orientación e asesoramento, intermediación con empresas, xestión de ofertas de emprego, accións para mellorar competencias e un seguimento posterior das persoas contratadas para favorecer a súa estabilidade no posto de traballo.

COGAMI desenvolve este servizo con persoal especializado e cunha ampla traxectoria: desde 1996 impulsou en Galicia accións de inserción laboral que se traduciron en 37.735 contratacións. No que vai de 2025, a entidade indica que o programa acadou a inserción laboral de 698 persoas, con 912 contratos formalizados.

Durante a sinatura, Formoso puxo en valor o traballo de COGAMI e reafirmou o compromiso da Deputación coa igualdade de oportunidades e a inclusión social e laboral. Pola súa banda, Queiruga destacou a importancia de manter no tempo este apoio institucional e subliñou que o emprego é unha peza clave para unha inclusión real e para mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.

⚙ Configurar cookies
0.076404809951782