A Deputación da Coruña achega 100.000 euros ao Banco de Alimentos para reforzar a compra de básicos e o persoal

ACoruñaXa
Valentín González Formoso e Manuel Mora asinaron no Pazo Provincial un convenio de 138.221,15 euros, no que a institución provincial cubrirá máis do 72% do total
DEPU CORUÑA banco alimentos
20 Jan 2026

A Deputación da Coruña e o Banco de Alimentos da provincia formalizaron este luns un acordo de colaboración polo que a institución provincial destina ata 100.000 euros para contribuír á adquisición de alimentos de primeira necesidade e aos gastos de persoal da entidade. A sinatura tivo lugar no Pazo Provincial e foi rubricada polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e polo presidente do Banco de Alimentos, Manuel Mora.

O convenio suma un orzamento global de 138.221,15 euros, de xeito que a achega da Deputación supón máis do 72% do financiamento previsto. Segundo explicou Formoso, a colaboración cobra especial relevancia nun contexto no que Galicia rexistra unha taxa AROPE (risco de pobreza ou exclusión social) do 18,8% con datos de 2024.

A entidade, sen ánimo de lucro, encárgase de captar doazóns e excedentes alimentarios, almacenalos e distribuílos despois entre centros asistenciais e organizacións da provincia que acrediten a súa necesidade. No último exercicio, o Banco de Alimentos repartiu 1.710.726 quilos e litros de produtos a través de 119 entidades colaboradoras, chegando a 24.669 persoas beneficiarias en toda a provincia.

Durante o acto, o presidente provincial sinalou que este apoio permite asegurar a continuidade dun servizo “básico e de alto impacto social” e axuda a que “miles de familias teñan acceso a alimentos de primeira necesidade”, ao tempo que garante medios humanos para desenvolver o labor “con eficacia e dignidade”. Formoso puxo tamén o foco no papel do terceiro sector, defendendo que a cooperación coas entidades sociais é clave para dar respostas “reais e próximas” ás necesidades da cidadanía.

Pola súa banda, Manuel Mora agradeceu a contribución da Deputación e salientou “a gran sensibilidade coas cuestións sociais” demostrada polo goberno provincial, subliñando o seu “compromiso coas persoas que máis o precisan da provincia”.

⚙ Configurar cookies
0.078603982925415