A Deputación da Coruña abre dúas liñas de axudas por 2 millóns de euros para impulsar a promoción económica en 2026

ACoruñaXa
As subvencións van dirixidas a entidades empresariais sen ánimo de lucro e a concellos de menos de 50.000 habitantes, con solicitudes do 16 de xaneiro ao 16 de febreiro
Imaxe do presidente da Deputación da Coruña, Formoso
3 Jan 2026

A Deputación da Coruña vén de aprobar un programa de subvencións por 2 millóns de euros para financiar actividades de promoción económica ao longo de 2026. A convocatoria estrutúrase en dúas liñas: unha orientada a entidades e asociacións empresariais sen ánimo de lucro da provincia e outra dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes.

A primeira liña contará cun orzamento de 975.000 euros e permitirá conceder axudas por proxecto de entre 1.500 e 21.000 euros, cubrindo entre o 20 % e o 60 % do custo das actividades. Entre as accións subvencionables figuran xornadas, feiras, campañas de dinamización comercial, actividades promocionais e eventos de interese turístico, coa finalidade de apoiar o comercio e a hostalaría, fomentar o emprego e mellorar a difusión de produtos e servizos locais. Poderán optar colexios profesionais, asociacións e federacións empresariais e cámaras de comercio que desenvolvan a súa actividade na provincia e cumpran os requisitos das bases.

De forma complementaria, a Deputación impulsa unha segunda convocatoria específica para concellos de menos de 50.000 habitantes, dotada con 1.025.000 euros. Neste caso, as axudas irán de 3.000 a 30.000 euros por concello, tamén cun financiamento de entre o 20 % e o 60 % do orzamento do proxecto. As actuacións inclúen campañas de apoio ao comercio e á hostalaría, feiras e festas de interese turístico, accións promocionais e iniciativas de apoio ao tecido económico local.

O prazo para presentar solicitudes abrirase o 16 de xaneiro de 2026 ás 08.00 h e pecharase o 16 de febreiro ás 14.00 h. A tramitación deberá realizarse exclusivamente por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación. As axudas concederanse en concorrencia competitiva, tendo en conta criterios como o número de persoas asociadas, a calidade da proposta, a presenza en redes sociais e o nivel de financiamento solicitado.

⚙ Configurar cookies
0.085088968276978