A Deputación crea o Premio Luis Seoane para recoñecer traxectorias destacadas no deseño

O departamento de Cultura da Deputación da Coruña vén de anunciar a creación do Premio Luis Seoane de Deseño, un novo galardón que busca recoñecer traxectorias consolidadas de máis de dez anos no eido do deseño. Poderán optar a el persoas, colectivos ou entidades que desenvolvan traballos salientables en disciplinas como o deseño gráfico e comunicación visual, deseño dixital, deseño de procesos de organización, deseño industrial e de produto, deseño de espazos e deseño de moda.
O certame, que conta coa colaboración da Fundación Luís Seoane, establece un único premio dotado con 6.500 euros. O prazo para presentar candidaturas –unicamente por vía telemática, a través da plataforma SUBTEL da Deputación– abrirase mañá, 9 de abril, e permanecerá aberto ata as 14.00 horas do 19 de maio.
O recoñecido deseñador, ilustrador e escritor galego Pepe Barro exercerá como comisario do certame. A presidencia do xurado recaerá na deputada de Cultura, Natividade González, e completarán o tribunal unha persoa do ámbito do ensino do deseño, tres profesionais en activo de distintas especialidades (como deseño gráfico, de produto, dixital ou moda) e unha persoa do sector empresarial ou cultural cunha vinculación destacada aos mundos do deseño, a arte e a comunicación.
“Con este novo premio, que incorporamos ao xa imprescindible catálogo de certames convocados polo departamento de Cultura da Deputación”, explica González, “queremos homenaxear a figura irrepetible de Luis Seoane, creador total, visionario e pioneiro do deseño gráfico en Galicia, cuxa obra e legado son fundamentais para entender a modernidade estética no noso país”.
A deputada engadiu que o obxectivo é tamén “galardoar traxectorias consolidadas e que a convocatoria se converta nun referente e nun espazo de encontro e recoñecemento para os e as profesionais do deseño en todas as súas disciplinas”.
Con este certame, a Deputación da Coruña reafirma a súa aposta por iniciativas que fomenten o talento galego; neste caso, nun sector clave para a cultura, a industria e a comunicación na Galicia do século XXI, concluíu González.