A Deputación convoca o XVII Premio Rosalía de Castro de Lingua para recoñecer o compromiso coa promoción do galego

ACoruñaXa
O certame repartirá 15.000 euros en tres categorías e o prazo para presentar candidaturas estará aberto até o 30 de abril
DEPU CORU premios rosalia
26 Jan 2026

A Deputación da Coruña vén de convocar a décimo sétima edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, unha iniciativa da área de Normalización Lingüística que busca recoñecer persoas, entidades e proxectos comprometidos coa promoción e dignificación social da lingua galega, tanto no ámbito da provincia como no conxunto de Galiza.

O prazo para a presentación de candidaturas permanecerá aberto até o vindeiro 30 de abril e deberá formalizarse de maneira telemática a través da plataforma electrónica da Deputación (SUBTEL). As bases do certame establecen que se poderan presentar candidaturas doutras edicións que non foran premiadas.

O xurado outorgará un total de 15.000 euros en premios, cunha dotación de 5.000 euros para cada unha das tres categorías. A primeira distinguirá a persoa que máis destaque pola súa traxectoria e polo uso do galego en todos os ámbitos sociais. A segunda recoñecerá a entidade máis salientábel na promoción da lingua, independentemente da súa fórmula xurídica. A terceira categoría premiará un proxecto concreto de dinamización lingüística dirixido á infancia ou á mocidade, poñendo o foco na innovación e nos espazos emerxentes de uso do galego.

Na edición de 2025, os galardóns recaeron en Xosé Ramón Freixeiro Mato na categoría A; na Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas ondas! na categoría B; e nos proxectos CeibaRimas e Galego para peques, premiados ex aequo na categoría C. Ao longo da súa historia, o premio distinguiu tamén figuras e iniciativas como María Canosa, Pakolas, Xaquín Marín, Xabier P. Docampo, Galipedia, Proxecto Apego, Correlingua ou a Mesa pola Normalización Lingüística.

As bases completas do XVII Premio Rosalía de Castro de Lingua foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia.

⚙ Configurar cookies
0.073647022247314